A Deputación estrea de “Un biolo na noite”, peza gañadora do I Premio Provincial de Microteatro da Memoria

O departamento de Memoria celebra o vindeiro mércores un acto aberto ao público no que se fará tamén entrega do galardón á autora gañadora da segunda edición, a dramaturga Sara Rey pola obra ‘A patente do sol’

28/01/2022

O salón de actos do Pazo Provincial da Deputación será o vindeiro mércores 2 o escenario da estrea da peza de microteatro ‘Un biolo na noite’, da dramaturga Ana Abad de Larriva, gañador en 2021 do I Premio de Microteatro da Memoria organizado pola institución provincial e a Escola Superior de Arte Dramática Galega (ESADg). O departamento de Memoria Histórica do organismo provincial, ademais, aproveitará o acto para facer entrega do galardón da edición de 2022, consistente nun agallaso institucional e 500 euros, á dramaturga Sara Rey pola obra ‘A patente do sol’.

O evento, que se celebrará ás 19 horas e no que tamén haberá música, será aberto ao público. Pola limitación de capacidade será precisa inscrición no correo memoriahistorica@depo.gal, outorgándose as prazas por orde de chegada.

‘Un biolo na noite’ estará dirixida por Natalia Feijoo e será interpretada por Mariña Lestón e Álvaro Lourido. A peza está baseada en feitos reais: a historia de Guillermo Vicente Santiago, o último alcalde republicano de Tui, que logo do golpe franquista -e durante catro anos-  viviu agochado nun furado na adega da casa da súa nai María, onde morreu enfermo de tuberculose e onde tivo tamén que ser enterrado en segredo para que a familia non sufrise represalias.  O eixo central pretende poñer en valor a figura de María, quen percorría os montes para irlle buscar as menciñasao fillo e vendía roscas na feira para poder mantelo. “Unha homenaxe escénica poética, libre, a unha muller que, como tantas, atravesou a noite en silencio para abrir un biolo no medio da escuridade”, en palabras da autora, Ana Abad.

Segundo o xurado que a seleccionou como mellor obra das que se presentaron a concurso en 2021, é de destacar “o artellamento espacial, vencellando as atmosferas do monte e a natureza coa intriga dramatúrxica e os personaxes nun diálogo áxil e profundo; a sensibilidade e empatía na temática da rede de apoio e afectos que foron as mulleres galegas na guerra e na posguerra, salientando a importancia das súas accións cotiás e subversivas á vez; e o emprego dos recursos teatrais que están fiados cun tratamento lingüístico excelente”.

Pola súa parte, o mércores a directora de escena e dramaturga Sara Rey tamén recibirá o  ‘II Premio de Microteatro da Memoria’ convocado polo departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra e a Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) pola peza ‘A patente do sol’. O xurado destacou a obra entre os traballos presentados pola súa reflexión sobre a memoria cunha ollada dende o presente, a súa carga emocional e tamén a súa viabilidade escénica.

O ‘Premio de Microteatro da Memoria’ da Deputación e a ESAD naceu co obxectivo de que a xente moza se achegue á Memoria Histórica a través de novos formatos e novas linguaxes máis eficaces na comunicación interxeneracional. Segundo no seu momento afirmou a deputada María Ortega “é fundamental promover a sensibilidade e  dar a coñecer os feitos acontecidos no noso pasado dunha maneira crítica, que mozos e mozas saiban como o golpe do 36 truncou todo un porvir de apertura e modernidade, e facelo sendo innovadores e visuais: o microteatro é unha vía non moi explorada aínda”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.