A Deputación aproba preto de 880.000 euros do Plan Concellos para outros catro municipios da provincia

Cangas, Caldas de Reis, Valga e Agolada destinarán estas achegas a saneamento, pavimentación de viarios e camiños ou mellora dos seus servizos

29/04/2022

O goberno da Deputación de Pontevedra aprobou hoxe novos recursos para municipios da provincia ao abeiro do Plan Concellos. Así, a Xunta de Goberno deu luz verde a 879.420 euros da liña 1 de Investimentos que servirán para realizar obras en Cangas, Caldas de Reis, Valga e Agolada que, como detallou a presidenta, Carmela Silva, se destinarán a "saneamento, pavimentación de viarios e camiños ou mellora de servizos, actuacións, en definitiva, para mellorar a vida da xente".

Para Cangas foron aprobadas tres achegas que suman 495.750 euros. A primeira, de 169.900€, servirá para pavimentar as rúas Pepe Simón e Lajes do Pico (ambos na parroquia de Darbo), a rúa Telleiro (en Coiro) e a rúa Ferruxiña (en Aldán), e facer unha senda peonil na rúa da Garita en Santa Marta (Darbo). Cangas rehabilitará tamén o cemiterio de Coiro a través dunha subvención de 167.350 euros cos que se realizarán actuacións de pavimentación, execución de ramplas con varandas para salvar os desniveis ou a impermeabilización da cuberta da capela. A terceira achega aprobada é de 158.500 euros e servirá para realizar unha pavimentación ecolóxica na rúa de Fora (en Donón) que foi demandada pola veciñanza desta zona de gran tránsito que comunica o mirador da Caracola de Donón co aparcadoiro do Monte do Facho.

O goberno provincial aprobou tamén 74.630 euros para Caldas de Reis que realizará unha substitución de saneamento no Camiño Real, que na actualidade se atopa deteriorado. Esta obra comprende ademais a reparación do pavimento da calzada e a total substitución dos servizos enterrados xa existentes na rúa. A Valga chegarán 225.440 euros para a mellora de servizos nun tramo de 500 metros da Avenida da Coruña no lugar de Ponte Valga, e a Agolada outros 83.600 euros para mellorar camiños de titularidade municipal con firme de formigón nas aldeas de Val, Agra e Cima de Vila.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.