A Deputación celebra o Día mundial do Libro “para compartir felicidade”

Nace “Tes cinco minutos #2”, o segundo libro da Escola de Letras coa participación do profesorado e do alumnado e un audiovisual coa intervención de mulleres deportistas lendo fragmentos das súas obras favoritas

23/04/2022

 

Como cada 23 de abril, a Deputación de Pontevedra celebrou hoxe o Día do Libro, "día que festexamos para compartir felicidade", dixo a presidenta Carmela Silva, e fíxoo por todo o alto coa presentación de "Tes cinco minutos #2", a escolma de textos que xurdiu no seo da segunda edición da Escola de Letras, iniciativa pioneira en Galicia e no Estado impulsada pola institución provincial e a Editorial Galaxia. A Deputación escolleu a Sala Rosalía da sede de Vigo para festexar esta data, lugar que xa no seu propio nome transmite cultura. A ela achegáronse a presidenta provincial, Carmela Silva, o director da Editorial Galaxia e da Escola de Letras, Francisco Castro, Inma López Silva, unha das docentes do curso, e escritoras como María Xosé Queizán , que recomendou ler o Quixote e definiu a lectura dun libro "como unha conversa, a relación mais intima que hai porque entre o libro e a persoa nunca se interpón ninguén, un acto moi erótico e moi feliz". Tamén asistiron Judith Rodríguez, Paula Dapena e Elena Casal, tres das deportistas da provincia de recoñecido nivel que tamén quixeron facer a súa aportación a esta celebración lendo os seus libros favoritos. O acto estivo amenizado pola actuación da cantautora Leticia Rey.

Carmela Silva celebrou os libros "porque eles permiten coñecer e vivir, con eles temos a capacidade de crear como persoas e debemos festexar que nestes tempos tan complexos poidamos acubillarnos nos libros que ofrecen esperanza para poder cambiar o mundo desde o espírito crítico. Permítennos soñar, pensar, descubrir, aceptar a diversidade que é a única verdade que existe", engadiu. A presidenta provincial fixo referencia á invasión de Ucraína afirmando que "o mundo o cambian as ideas non o poder, o diñeiro ou as tolerías dos sátrapas nunha Europa que pensábamos que era da cultura o benestar e a paz". Camela Silva, que citou a Borges ou a Nora Ephron, reivindicou "celebrar a escrita, celebremos a escrita en galego, porque temos acubillo nos pensamentos que saen dos libros. Por iso, militamos no optimismo, porque o optimismo é o cambia o mundo".

A presidenta celebrou tamén o nacemento de "Tes 5 minutos #2", o libro coa escolma de textos das alumnas e alumnos da Escola de Letras, "que está a ser una marabilla de travesía". "Este libro é unha mostra do talentazo que temos en Galicia no eido da escrita e reafirma a revolución cultural que estamos a vivir, sobre todo da man das mulleres". Para Carmela Silva, a Escola é "o claro exemplo de que apostar pola cultura é por unha sociedade con pensamento crítico e reflexivo. Foi unha idea extraordinaria, un soño marabilloso que naceu para que as persoas puideran contar historias e foi que era verdade, que todas e todos temos unha historia que contar e que provoca unha enorme felicidade". A presidenta, que anunciou novas iniciativas para visibilizar a Escola no Estado e en Europa, puxo en valor ás mestras e mestres , "todo un luxo". E ao alumnado "que escribiu cousas sorprendentes, de enorme calidade, cheas de conceptos, de vida e de valores".

O Director da Escola e de Galaxia, Francisco Castro, falou do afianzamento da Escola, un proxecto "que podía parecer unha anécdota e que ao final se converteu nunha institución con moita forza". Tamén se referiu á canteira de escritoras e escritores "e o talento enorme que demostran, persoas que queren escribir e que amosan neste libro que hai canteira para a literatura galega". Castro, que agradeceu a obra de creadores e creadoras como María Xosé Queizán, rematou reivindicando "máis libros, máis cultura e menos bombas".

En representación do alumnado da Escola Xosé Lueiro, María Varela, Pitusa Piñeiro, Diana Fernández e Marga R. Marcuño compartiron co público fragmentos das súas creacións. A outra parte fundamental foi o seu profesorado, que tamén interveu nun vídeo no que Inma López Silva, Antonio García Teijeiro, Diego Giráldez, Ana R. Figueiredo e Elvira Ribeiro falaron sobre a súa experiencia, que cualificaron de agasallo, que lles permitiu coñecer de preto o talento e as ganas que teñen as persoas de escribir e de falar de literatura.

Así, os libros foron os protagonistas dunha xornada na que, amais, sete mulleres referentes do mundo do deporte tamén quixeron aportar o seu gran de area lendo fragmentos dos seus libros favoritos a través dun audiovisual. Elas foron a esgrimista Judith Rodríguez, a futbolista Paula Dapena, a atleta Susana Rodríguez, a árbitra de fútbol Elena Casal, a adestradora de balonmán Irene Vilaboa, a presidenta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, Charo Castro, e a piragüista Támara Echegoyen. Mediante esta peza o público puido escoitar versos de "Adiós al frío", de Elvira Sastre, ou parte de "O Principiño", de Antoine de Saint-Exupéry. A elas sumouse a presidenta provincial cun fragmento de "Chámame señora, pero trátame coma a un señor", de Inma López Silva.

Na Sala Rosalía, a literatura mesturouse coa música grazas á voz e á guitarra de Leticia Rey, cantautora de Vila de Cruces e inscrita no catálogo de Descúbreas. Deste xeito, puidéronse escoitar tres temas musicais: "Baleiro", unha composición propia de Leticia Rey, "Setestrelo", de Berrogüeto, e a canción popular "Alalá das Mariñas".

A programación da Deputación polo Día do Libro complétase coa exposición "Contos e países. Historias que viaxan", comisariada por Silvia García, que se exhibe na Sala Rosalía de Castro ata o 15 de xuño. Ademais destas propostas, a institución provincial festexou este día no Centro Príncipe Felipe, que acolleu esta semana unha función de contacontos titulada "Libro Vivo" da man de Expresión Produccións, así como unha merenda á acudiron nenas e nenos de todos os centros, a cuxas bibliotecas a Deputación achegou lotes de libros propostos pola rapazada.

Galerias de imaxes

videos