A sede da Deputación en Vigo imprégnase da rebeldía, da dignidade e do feminismo de Xela Arias na presentación da biografía elaborada por Anxo Rajó

Un coloquio e a lectura de textos e poemas protagonizaron o acto celebrado na Sala Rosalía para dar a coñecer “Xela Arias. Poeta e tradutora”, no que Carmela Silva e Rajó destacaron o legado da poeta como “referente para futuras e presentes xeracións” 

10/02/2022

Kickboxing ABP Sport

Unha “axeitada viaxe” pola biografía dunha muller única que nos deixou unha poesía “singular, transgresora e cun berro de liberdade e denuncia”. Así definiu a presidenta da Deputación, Carmela Silva, a obra “Xela Arias. Poeta e tradutora”, o libro do profesor Anxo Xoán Rajó que lanzou a editorial Ir Indo para homenaxear á escritora no gallo das Letras Galegas, e que esta tarde se presentou na sede da institución provincial en Vigo nun acto que foi arroupado por unha nutrida representación do mundo da cultura da cidade olívica. A rebeldía, a forza, a dignidade  e o feminismo que emanaba Xela Arias estiveron moi presentes na presentación tanto nas intervencións do autor e da presidenta provincial, como no recordo da súa obra a través da lectura de varios textos e poemas que protagonizou Natalia Barros, alumna de 2º de Bacharelato de Artes do IES Valadares de Vigo.

A publicación de Ir Indo enmárcase na súa colección “Galegos na Historia” e nela Anxo Rajó fai un percorrido pola vida e obra de Xela Arias desde o seu nacemento e primeiros anos de vida ata a súa morte. Os recordos intercálanse con poemas e textos da autora e fotografías tanto persoais como de actos públicos, entre eles recitais e xuntanzas con outras autoras, que aportou Xulio Gil, parella de Xela. Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que participa cun saúda no libro, a homenaxe das Letras Galegas a Xela Arias foi “un xusto recoñecemento a unha muller que, na súa pronto interrompida vida literaria, deixou un importantísimo legado poético referente para futuras e aínda presentes xeracións”.

“A poesía de Xela Arias é necesaria –engadiu-, e foxe veloz coma un cabalo para falar de fronte coas desigualdades, sen etiquetas e sen opresión, para denunciar que ela, como o resto das mulleres, viven nun (des)equilibrio público e privado nas terras de ninguén que chaman ás casas: os vosos fogares, asolados de compromisos tan, tan antigos”. Carmela Silva lembrou a autora como pioneira en moitos aspectos, entre eles entender a poesía como unha viaxe sen fronteiras cara a novos espazos ou manifestacións artísticas, e tamén incidiu na súa faceta “intempestiva” e “loitadora” e como referente da loita “feminina e feminista dende ti mesma”: “A súa contribución á renovación da poesía galega dende a temática e a estética faise patente nas voces femininas que se ergueron con ela, as que viñeron en colectivo e en plural na década seguinte e coas que convivimos hoxe como unha auténtica rebelión nos versos”. Queda moito por avanzar, apuntou Carmela Silva, “porque hai poemas que se puideron escribir hai cen anos, pero só nós _as mulleres do presente_, non poderiamos escribir o que escribimos hai cen anos”.

No acto, que contou cun coloquio moderado polo propietario da editorial Ir Indo, Bieito Ledo,  o autor do libro, Anxo Rajó, destacou a ideoloxía da poesía de Arias e, entre outras, a súa faceta feminista  “nun momento difícil e moi diferente ao de hoxe, porque eran poucas as mulleres que tiñan a posibilidade de subir a un escenario e falar disto”, así como a “dignidade” que da título a un dos seus poemas e que marcaba a súa personalidade e que reivindicaba na súa obra: “dignidade para a muller, dignidade para Galicia, para o idioma galego e para a nosa cultura”. O escritor, que compartiu aulas con Arias na universidade en Vigo, lembrou que para ela, “a escrita era un elemento liberador” e destacou tamén a discreción que sempre caracterizou a autora e a súa “rebeldía controlada”. “Foi unha muller moi rebelde no seu momento, porque abandonou os seus estudos a unha idade á que non se soe facer e decidiu tomar o seu propio camiño. Era rebelde pero sabía o que quería facer”.

A intervención do profesor de Lingua e Literatura Galega, que agradeceu especialmente a axuda de Xulio Gil e o fillo da autora, Darío, para elaborar o libro, foi intercalándose coa lectura de dous textos, e dous poemas de Xela Arias a cargo da alumna Natalia Barros. En concreto, dos poemas “Onde o vento sementou eguas” e “A marea miseria invade global Galicia” (en referencia á marea negra do Prestige) e os textos “Escribir para min é un acto de liberdade” e “Creo en galego o camiño dos poetas”. Para Rajó,”aínda queda moito por investigar” sobre Xela Arias, en especial na súa prosa.

Galerias de imaxes