A vindeira semana comezan as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade peonil na EP-3001 en Rebordáns, no concello de Tui

A inversión ascende a 125.619 euros, dos que a Deputación achega o 80% e a Administración local o 20% restante, e ten un prazo de execución de tres meses

27/01/2022

Obras en Tui
 

A Deputación de Pontevedra completa a tramitación administrativa e prevé comezar a primeira semana de febreiro os traballos de mellora da seguridade viaria e a mobilidade peonil na EP3001 en Rebordáns, no Concello de Tui. Os deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e Cooperación, Santos Héctor  Rodríguez, xunto ao alcalde do municipio, Enrique Cabaleiro, visitaron esta mañá a zona de execución dos traballos. O proxecto adxudicado por 125.619 euros prevé dotar a estrada dunha zona de tránsito seguro e boa visibilidade, seguindo o modelo de mobilidade segura e sostible que está a implantar a institución provincial nos 61 concellos da provincia.

As obras que comezarán nos vindeiros días afectarán a un treito de 155 metros da estrada EP-3001 e financiaranse por medio dun convenio firmado entre a Deputación e o Concello. O acordo establece que o 80% dos fondos corresponden a orzamento provincial mentres que a administración local aportará o 20% restante.

Esta actuación permitirá habilitar dous pasos sobreelevados na calzada para reducir a velocidade dos automóbiles na zona e aumentar o radio da curva existente. A renovación completarase coa construción dunha senda peonil de dos metros e medio de ancho pola marxe esquerda. Pola dereita leva unha cuneta transitable. Tamén se pavimentará o treito con novo firme, realizarase pintado das marcas lonxitudinais e superficiais, instalaranse novas sinais verticais e melloraranse servizos como a rede de pluviais, de alumeado e telecomunicacións. O prazo de execución dos traballos é de tres meses.