#TURISMO
Arquitectura contemporánea
nas Rías Baixas
Ruta de edificios emblemáticos distribuídos por toda a provincia
Casa Domínguez
Vivendas en Vilariño
Rehabilitación das illas de San Simón e San Antón
Museo do Mar de Galicia
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Departamentos de pescadores
Centro deportivo do Pontillón
Casa do concello de Lalín
Recuperación da fortaleza de Goián
Actuacións na Illa de Arousa
Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR)
Rehabilitación de fábrica de salgadura. A Casa de Aldán
Casa do concello de Cangas
Tenda de mobles Sirvent
Centro Galego de Vela
Nova sede do Grupo ENOR
Poboado mineiro de Fontao
Casa forestal de Torroso
Edificio multiusos en Mos
Edificio Administrativo da Xunta en Vigo
Comisaría local en Vigo
MARCO. Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Abrir Vigo ao mar
Estadio Municipal de Pasarón
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Pazo da Cultura de Pontevedra
Edificio Administrativo da Xunta de Pontevedra
Refuxio da Roiba
Nova casa do concello de Campo Lameiro
Estación Marítima de Baiona
Edificio Plastibar en Vigo
Sede de Afundación en Pontevedra
Museo de Pontevedra. Edificio Fernández López
Centro de Interpretación das Torres Arcebispais
Auditorio do Pazo de Congresos Mar de Vigo
Albergue de peregrinos da Laxe
Edificio de Servizos Náutico Deportivos de Portonovo
Equipamento do porto de Beluso
Pousada Xardín de Ribadumia
CUVI Residencia universitaria O Castro
CUVI Reitorado
CUVI Xerencia e Servizos Centrais
CUVI Biblioteca Central
CUVI Aulario
CUVI Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
CUVI CITEXVI
CUVI Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (MTI)
CUVI Escola de Enxeñería de Telecomunicación e ETS de Enxeñería de Minas
CUVI Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
CUVI Facultade de Filoloxía e Tradución
Rehabilitación das illas de San Simón e San Antón
Descrición
No fondo da ría de Vigo, nunha contorna espectacular pero fráxil, nun diminuto arquipélago cheo de historia, realízase unha intervención integral que permite o uso actual como centro cultural. A intervención destaca pola posta en valor do patrimonio das illas, sen estridencias, cunha arquitectura elegante e respectuosa coa contorna que busca configurar espazos para seren gozados.
Enderezo:
San Simón
Redondela
42.3078611, -8.628027777777778
Autor: César Portela
Ano de finalización: 2003
Vivendas en Vilariño
Descrición
As vivendas son tres cascos de barco invertidos que asoman á ría. Unha forma que recorda o tradicional pero envoltas con zinc, onde fachada e cuberta son todo unha. Todas as estancias se inclinan cara á paisaxe; os usos privados resólvense cun pequeno moble que non interrompe a vista. Comparten un zócalo as tres, que permite diferentes usos, entre eles, o hoteleiro.
Enderezo:
Praia de Vilariño, 35. Vilariño
Cangas
42.2760278, -8.8186111111111
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2008
Casa Domínguez
Descrición
Un dos mellores arquitectos españois do século XX proxecta na súa cidade natal unha vivenda para unha familia numerosa. Sepáranse drasticamente as funcións. Baixo terra, buscando o silencio, os dormitorios. Na parte alta, buscando a luz e as vistas, o salón, o comedor e a cociña. Entre ambas, a zona recibidor e unha terraza que comunica coa parcela. Pódese ler como unha metáfora biolóxica do transcurso da vida. Unha obra intemporal.
Enderezo:
Río Miño, 15. A Caeira
Poio
42.4364722, -8.65665
Autor: Alejandro de la Sota Martínez
Ano de finalización: 1976
CUVI Facultade de Filoloxía e Tradución
Descrición
O primeiro dos edificios do campus inspírase no modelo universitario anglosaxón. Un espazo de estudo tranquilo rodeado de natureza . Para iso o edificio está composto por pequenos pavillóns de ladrillo que se relacionan mediante patios e pasarelas. Esta fragmentación permite que todas as aulas e corredores teñan luz natural e vistas a un espazo verde. É un edificio horizontal, de baixa estatura. Durante os primeiros anos, rodeado por monte, era literalmente estudar entre a natureza.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1701111, -8.677888888888889
Autor: Desiderio Pernas
Ano de finalización: 1977
CUVI Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais
Descrición
O edificio, desenvolvido en varias fases independentes, compúñase inicialmente de tres partes claramente diferenciadas que se dispoñen en forma de U. Na parte máis alta da parcela, o acceso e a cafetería. Desde alí, vertebrados mediante unha rúa corredor, parten dous brazos: despachos de profesores e aulas, cuxo perfil en dente de serra nos permite adiviñar a súa organización interior. En fases posteriores engadíronse unha biblioteca, que mantén a forma do aulario, e un salón de actos de xeometría irregular.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.17025, -8.680777777777777
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 1992-2002
CUVI Escola de Enxeñería de Telecomunicación e ETS de Enxeñería de Minas
Descrición
Sitúase nunha ladeira do monte, entre dous edificios existentes, a Escola de Telecomunicacións, no punto máis alto, e a Escola de Enxeñería Industrial, 16 metros máis abaixo. Trátase da ampliación da primeira escola e a nova escola de Minas, ademais dun comedor e biblioteca. Enlázanse todos os edificios para así poder transitar por eles sen ter que saír ao exterior.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1701778, -8.688344444444445
Autor: César Portela e Gabriel Santos Zas
Ano de finalización: 2003
CUVI Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (MTI)
Descrición
Un xogo de grandes masas sorprende o visitante: un enorme tubo de formigón apóiase sobre outro corpo máis livián formando unha ele. O primeiro é un centro de investigación, cun sistema estrutural similar a un balancín, co eixo no terreo e apoiado sobre un alicerce no outro extremo, con beirís importantes a ambos os dous lados. A súa fachada sur serve de infraestrutura para tecnoloxías solares. O segundo é unha nave taller de cuberta dentada, con paneis solares cara ao sur e iluminación polo norte para unha luz uniforme.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1668861, -8.688125
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2011
CUVI CITEXVI
Descrición
Edificio de gran potencia visual que se deseña como un gran portacontedores lixeiro, transparente, luminoso, á espera de cargas. O edificio dá resposta á xeomorfoloxía inmediata e de relación co territorio. O andar baixo faise transparente evidenciando o seu necesario carácter público. Xeometría disciplinada que permite, a partir dunha modulación rigorosa, crear contedores variables segundo a demanda.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1676944, -8.682666666666666
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2010
CUVI Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
Descrición
A topografía é o factor principal á hora de dar forma á facultade. Continúa a ladeira xunto coa facultade de Económicas. Un camiño, a modo de espiña dorsal, lixeiramente desviado, marca o eixo do edificio, a partir do cal se entroncan diferentes pezas. A lixeira pendente que se lle dá a este percorrido fai que as pezas se articulen e se gradúen.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1674944, -8.680708333333333
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2001
CUVI Aulario
Descrición
O aulario levántase sobre a praza para permitir a prolongación da paisaxe debaixo do propio edificio, permitindo a vista do val desde a praza. No interior a presenza da contorna penetra o edificio, as aulas distribúense na fachada que dá cara á montaña e o corredor na fachada que mira o val. As fachadas ábrense para que, desde as aulas ou no paseo entre elas, se descubra unha contorna cambiante.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1699417, -8.683288888888889
Autor: Enric Miralles e Benedetta Tagliabue
Ano de finalización: 2003
CUVI Biblioteca Central
Descrición
É un gran prisma de pedra apoiado sobre a ladeira do campus. Pódese usar como unha praza-miradoiro sobre a paisaxe, pero baixo esta hai unha biblioteca. Asoman na praza uns lucernarios que enchen de luz todas as salas de lectura. Interiormente, rúas-ramplas comunican os múltiples niveis entre si. Toda a biblioteca é un grande espazo fluído onde o silencio se acada polo respecto mutuo dos usuarios.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1696028, -8.683452777777777
Autor: Alberto Noguerol e Pilar Díez
Ano de finalización: 2001
CUVI Xerencia e Servizos Centrais
Descrición
Construído como novo reitorado de Vigo componse de dous edificios: un alberga a área máis administrativa e o outro a parte máis representativa. Así, o reitorado articula un espazo exterior propio á vez que se sitúa no centro de gravidade do campus. Trátanse as fachadas como unha pel que se especializa dependendo da zona.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1702833, -8.685
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2003
CUVI Reitorado
Descrición
Un rectángulo que se curva pola súa banda posterior para adaptarse á forma do terreo, seguindo as pautas do edificio do aulario. As fachadas están compostas de formigón visto cuxa textura se fai eco do despezamento do granito de Mondariz e carpinterías de carballo. O xogo do formigón e o carballo continúa no interior, onde a xeometría da escaleira vai enlazando os niveis e espazos sempre inundados pola luz cenital.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1702833, -8.685
Autor: Enric Miralles e Benedetta Tagliabue
Ano de finalización: 2006
CUVI Residencia universitaria O Castro
Descrición
O edificio incrústase na complicada topografía que asume como molde, adoptando a súa forma, un edificio lineal curvilíneo dunha única coxía de fondo reducido. Isto permite, por unha banda, a súa fácil adaptación ao terreo e, por outra, que as habitacións absorban a totalidade do fondo do edificio e, polo tanto, teña dobre orientación de vistas e soleamento.
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1708778, -8.686377777777778
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2002
Pousada Xardín de Ribadumia
Descrición
En pleno val do Salnés sitúase un gran complexo hoteleiro que se constrúe cos elementos que definen a paisaxe da terra do albariño. Adoptando a escala dos muíños que balizan o río Umia, as habitacións agrúpanse en pequenos pavillóns. Estes cósense mediante unha galería acristalada que pretende evocar os camiños emparrados da comarca, cuxos postes de granito se converten aquí en filtros do sol e reguladores da privacidade nas fachadas.
Enderezo:
Santa Eulalia
Ribadumia
42.5144167, -8.7605
Autor: Mauro Lomba
Ano de finalización: 2012
Equipamento do porto de Beluso
Descrición
Nun pequeno posto na ría de Pontevedra constrúense uns pequenos almacéns para pescadores. O edificio, o xogo de volumes, de cubertas, resolve o encontro entre a plataforma do porto e a ladeira de maneira case topográfica. A forma acompaña o camiño de ascenso e xera pequenos espazos que devolve ao espazo público.
Enderezo:
Porto de Beluso
Bueu
42.3335667, -8.800366666666667
Autor: Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera
Ano de finalización: 2008
Edificio de Servizos Náutico Deportivos de Portonovo
Descrición
A grande estrutura que se mostra envolve parte do antigo club náutico e preside o novo paseo marítimo. Resolve as novas esixencias do programa e móstrase cunha fachada singular no seu ambiente: unha serie de lamas de madeira con estrutura de panel fenólico trasventilado, que tenta reflectir o listonado dos contedores dos barcos cargueiros.
Enderezo:
Porto de Portonovo
Sanxenxo
42.3958556, -8.822424999999999
Autor: Lucas Díaz e Gustavo Díaz
Ano de finalización: 2010
Albergue de peregrinos da Laxe
Descrición
Nunha contorna rural realízase unha intervención que, en parte, é restauración das edificacións preexistentes e, en parte, nova edificación. A súa integración exterior xoga coa escala, volumetría e a elección de materiais. No interior prima o uso da madeira, o xogo de espazos e o manexo da luz natural.
Enderezo:
A Laxe, 21. Bendoiro
Lalín
42.6762889, -8.163627777777778
Autor: Celestino García Braña
Ano de finalización: 2004
Auditorio do Pazo de Congresos Mar de Vigo
Descrición
A gran virtude desta obra é a procura de máis espazos que os que inclúe o seu programa, prestando atención a aspectos dos espazos públicos e relacións sociais da cidade de Vigo. César Portela inclúe espazos de gozo público da cidade, prazas e terrazas, a un edificio que dispón dunha gran sala de concertos e unha sala de conferencias.
Enderezo:
Avenida de Beiramar, 59
Vigo
42.2314972, -8.734886111111111
Autor: César Portela
Ano de finalización: 2011
Centro de Interpretación das Torres Arcebispais
Descrición
No bordo do centro histórico un museo subterráneo no que se pode visitar o foso defensivo da máis importante das antigas fortificacións da cidade. Tratado como un paseo, este iníciase na rúa na que unha construción singular serve como boca de acceso e elemento de identificación e reclamo.
Enderezo:
Mestre Mateo, s/n
Pontevedra
42.4324111, -8.647472222222222
Autor: Jesús Fole e S. T. Concello de Pontevedra (O)
Ano de finalización: 2010
Museo de Pontevedra. Edificio Fernández López
Descrición
Trátase dunha ampliación para uso administrativo do Museo de Pontevedra. Rehabilitación contemporánea de varias edificacións nunha das mazás do centro histórico. Xogo de volumes que xiran para asomarse á emblemática praza da Ferrería converténdose, sen estridencias, nunha máis das súas fachadas.
Enderezo:
Pasanteria, 2-12
Pontevedra
42.4320472, -8.643424999999999
Autor: Celestino García e Javier Reboredo
Ano de finalización: 2004
Sede de Afundación en Pontevedra
Descrición
O máis grande centro cultural no centro de Pontevedra. Recuperadas e transformadas parte das fachadas da antiga sede central de Caixa Pontevedra, envolven un edificio moderno no que o espazo máis emblemático e singular é o Foyer, un espazo contemporáneo e vangardista e, á vez, con claras referencias ao barroco galego que explica a complexidade dun espazo no que a disposición de pasarelas e esculturas envolven e enriquecen o baleiro central.
Enderezo:
Praza de San Xosé, 3
Pontevedra
42.4289083, -8.645916666666666
Autor: César Portela
Ano de finalización: 2006
Edificio Plastibar en Vigo
Descrición
A primeira obra dun dos grandes arquitectos galegos. Oficinas, locais comerciais e vivendas mestúranse nun complexo e estreito edificio. Aplica os principios do movemento Moderno. O patio gradúase buscando introducir o sol en todas as plantas e dando lugar á vexetación. A tersa fachada supón un xogo neoplástico de materiais que reflicte o uso interior. Bar Boo era vangardista sen renunciar a materiais tradicionais: a pedra.
Enderezo:
Marqués de Valladares, 27
Vigo
42.2383889, -8.722333333333333
Autor: Xosé Bar Boo
Ano de finalización: 1957
Estación Marítima de Baiona
Descrición
No medio do porto unha construción lixeira, transparente, que se desenvolve lonxitudinalmente a modo de rúa atravesable composta de dúas caixas, unha pérgola de madeira exterior con grandes elementos móbiles mantén a transparencia e xera espazos de transición e unha caixa de vidro que envolve o espazo interior, permitindo unha visión clara das zonas de atracada das embarcacións de pasaxeiros.
Enderezo:
Porto de Baiona
Baiona
42.1199833, -8.845272222222222
Autor: Santos-Mera Arquitectos (José Jorge Santos e José Carlos Mera)
Ano de finalización: 2013
Nova casa do concello de Campo Lameiro
Descrición
Nun pequeno núcleo rural, o novo Concello articúlase en dous corpos diferenciados: o edificio existente e o volume de nova construción. Cada corpo edificado, en referencia á arquitectura vernácula, adopta unha volumetría rotunda, proporcións e escala precisas, así como materiais que garanten a completa integración das novas construcións na contorna. O novo corpo mestúrase coa pequena carballeira existente, que tamén se recupera.
Enderezo:
Praza da Provincia, 1. A Lagoa
Campo Lameiro
42.54035, -8.543966666666666
Autor: Jaime Rodríguez, Santiago Pintos e Cristina Crespo
Ano de finalización: 2010
Refuxio da Roiba
Descrición
Sobre os muros dunha antiga fábrica de salgadura, Molezún constrúe unha vivenda mínima, un refuxio, fronte á pequena praia da Roiba. É un manifesto da optimización de recursos. Pequenos dormitorios (camarotes) e estancias permanentemente abertas. Materiais humildes empregados con intelixencia. Un soto inundable para gardar a embarcación. Todo iso para gozar da paisaxe, o seu fin último.
Enderezo:
Praia de Beluso
Bueu
42.3357778, -8.79975
Autor: Ramón Vázquez Molezún
Ano de finalización: 1969
Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra
Descrición
O edificio fragméntase en tres bandas para mitigar a súa presenza, mostrando respecto polas edificacións do barrio, tratando de non botar sombra sobre elas. O interior está pensado como espazos abertos de traballo, onde tanto traballadores coma visitantes gozan en todas as plantas con luz natural. O sinal de identidade deste arquitecto é a sinxeleza e o rigor en todos os detalles.
Enderezo:
Alfonso X O Sabio
Pontevedra
42.4247694, -8.645586111111111
Autor: J. Manuel Gallego e Jacobo Rodríguez-Losada
Ano de finalización: 2008
Pazo da Cultura de Pontevedra
Descrición
Construído nas antigas marismas do Lérez, ademais do complexo cultural, un grande auditorio, salas de conferencias e de exposicións, o proxecto inicial completouse cun recinto feiral baixo unha gran praza que domina o río. O corpo cilíndrico do auditorio principal domina esa beira do Leréz, sendo unha das iconas arquitectónicas da cidade.
Enderezo:
Alexandre Bóveda, s/n
Pontevedra
42.4355472, -8.63813611111111
Autor: Manuel de las Casas
Ano de finalización: 1997
Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte
Descrición
Enténdese o edificio como parte do campus, acomodándose ás circulacións existentes e á natureza que ten ao seu redor, ao río, ao bosque e aos camiños. Esta adaptación non deixa indiferente o CATRI, que, como edificio institucional, gaña en presenza e serve de referencia dentro da escala do conxunto universitario. O edificio explota a súa enorme riqueza de escalas de acordo co programa.
Enderezo:
Campus Universitario de Pontevedra
Pontevedra
42.4411667, -8.636922222222221
Autor: Jesús Irisarri y Guadalupe Piñera
Ano de finalización: 2006
Estadio Municipal de Pasarón
Descrición
Construído sobre o antigo campo, o novo estadio insírese na trama urbana ocupando unha mazá completa e facendo fronte a unha dobre escala, a do grande equipamento urbano que reúne millleiros de persoas e a do cidadán que circula polas súas rúas perimetrais. O edificio resólvese cun único elemento, a viga parede de formigón armado que define o seu alzado e no que se apoian as bancadas, que confiren ao edificio unha imaxe singular.
Enderezo:
Luis Otero, s/n
Pontevedra
42.4377056, -8.640988888888888
Autor: ACXT Arquitectos (Jesús Llamazares e Galo Zayas)
Ano de finalización: 2012
Abrir Vigo ao mar
Descrición
A transformación do bordo marítimo de Vigo, desde o Berbés ao Areal, desenvólvese durante 10 anos, nos cales se transforma un bordo marítimo inaccesible ocupado por vehículos nun espazo peonil. Sotérrase o tráfico e proxéctanse novos espazos públicos. Mediante unha linguaxe pétrea común, mobiliario urbano, novas edificacións e pavimentos dialogan. En 2005 foi galardoado co Premio Nacional de Arquitectura.
Enderezo:
Desde a praza da Estrela ata a praza do Berbés
Vigo
42.2403667, -8.719019444444445
Autor: Guillermo Vázquez Consuegra
Ano de finalización: 2004
MARCO. Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Descrición
No centro de Vigo e un dos museos de arte contemporánea máis importantes de Galicia, trátase dunha rehabilitación que fai unha relectura contemporánea da arquitectura do antigo Cárcere e Xulgados (1861-1880), con tipoloxía de panóptico radial. O edificio xera a súa propia luz interior e mantén as lanternas axiais das galerías como eixos luminosos que conflúen no centro e cobren os antigos patios cunha lámina curva de cristal.
Enderezo:
Príncipe, 54
Vigo
42.2360306, -8.721047222222222
Autor: FQP Arquitectos (Salvador Fraga, F. Javier G. Quijada e Manuel Portolés)
Ano de finalización: 2002
Comisaría local de Vigo
Descrición
Este complexo policial aparece onde se situaba o antigo Hospital Militar de Vigo, que aínda é parte do conxunto, formado por tres edificios. Existe un xogo de transparencias mediante o emprego dunha dobre pel; exteriormente unha folla acristalada mantén a homoxeneidade en todos os pavillóns, mentres que a segunda pel xoga coa intimidade, claro exemplo: a celosía de madeira na zona residencial.
Enderezo:
Álvaro Cunqueiro, s/n
Vigo
42.2243556, -8.730961111111112
Autor: FQP Arquitectos (Salvador Fraga, F. Javier G. Quijada e Manuel Portolés)
Ano de finalización: 2012
Edificio Administrativo da Xunta de Vigo
Descrición
O edificio asume a súa condición urbana de peche e fin do paseo peonil nesta zona da cidade, dá resposta a un sinxelo programa administrativo e necesaria representatividade. Dous edificios complementarios de volumetría oposta, bloque e torre (horizontalidade e verticalidade), xeran a lóxica resposta ao plano do mar e aos cambios de altura dos edificios da contorna.
Enderezo:
Praza da Estrela, s/n
Vigo
42.2406917, -8.720402777777778
Autor: Esteve Bonell e Josep María Gil
Ano de finalización: 2001
Edificio multiusos en Mos
Descrición
Esta obra é froito dun concurso, que propón un espazo de convivencia e desenvolvemento de eventos na zona das pozas de Eimonde. O edificio enténdese como dous volumes: o "hangar", que foi lema do proxecto gañador, resolto enteiramente en formigón, e unha peza perpendicular, con aulas e outras dependencias. Entre estas dúas pezas aparece unha praza exterior, pensada para eventos.
Enderezo:
As Pozas de Eimonde, s/n
Mos
42.1946444, -8.632133333333334
Autor: De la Puerta y Asensio
Ano de finalización: 2006
Casa forestal de Torroso
Descrición
Nunha zona rural constrúese un gran centro dotacional. Para mitigar o gran volume necesario para albergar todas as grandes funcións (auditorio, escola de música e cafetería) os arquitectos deciden situalo a media ladeira e esconder baixo terra parte del. A cuberta adquire unha forma sinuosa para confundirse coas copas das árbores presentes no lugar, tratando de non chamar a atención.
Enderezo:
Torroso
Mos
42.2038333, -8.618805555555555
Autor: Cendón-Vázquez Arquitectos (Perfecto Cendón Domínguez e F. Javier Vázquez Fernández)
Ano de finalización: 2014
Poboado mineiro de Fontao
Descrición
Froito da explotación mineira do volframio, nos anos 50, proxéctase un poboado para acoller os seus traballadores. Dótase de escola, igrexa e mesmo cinema, seguindo os principios urbanísticos máis modernos para a época, preceptos racionalistas na ordenación das vivendas e na construción. Co abandono da mina cae no esquecemento, ata que en 2005 a Administración o rehabilita e volve encherse de vida.
Enderezo:
Lugar de Fontao
Vila de Cruces
42.7586389, -8.23025
Autor: César Cort e Joaquín Basilio Bas
Ano de finalización: 1958
Nova sede do Grupo ENOR
Descrición
Contorna industrial na que se constrúe un conxunto introvertido, só aberto á paisaxe afastada. Prodúcese unha inversión funcional. A nave de produción sitúase arriba, vinculada á rúa a través dun atrio de carga e descarga.
Enderezo:
Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo. Rúa B. Parcela 10.10
Vigo
42.1779222, -8.708605555555556
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2009
Centro Galego de Vela
Descrición
Fronte á forza do mar, o edificio móstrase como moldeado polo vento. Unha sinuosa lámina de formigón define unha cuberta baixo a que descansan as embarcacións. A parte pregada da cuberta é onde se albergan os usos residenciais. Para ter sempre presente a paisaxe a fachada de vidro é totalmente transparente. As embarcacións están permanentemente asomadas á ría, dispostas a partir .
Enderezo:
Rampla de Cavadelo, s/n
Vilagarcía de Arousa
42.5947444, -8.770386111111112
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2008
Tenda de mobles Sirvent
Descrición
Intervención sobre edificio existente ao que se confire un novo uso para exposición e venda de mobles. Interiormente baleirouse na procura dun espazo diáfano e exteriormente recorreuse a materiais lixeiros de revestimento para destacar unha nova imaxe de totalidade espacial e unha certa dureza vinculada aos usos industriais orixinais.
Enderezo:
Avenida Gran Vía, 129
Vigo
42.2236639, -8.72371388888889
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2005
Casa do concello de Cangas
Descrición
O novo Concello sitúase fronte ao mar, dotando a vila mariñeira dunha moderna fachada cara ao Atlántico. Todas as dependencias municipais se aloxan nun único contedor de pedra, que protexe, e de vidro, que dota de transparencia a Administración pública. O elegante volume gorécese baixo unha fina cuberta que semella botar a voar.
Enderezo:
Avenida Castelao, 2
Cangas
42.2636111, -8.780722222222224
Autor: Alberto Noguerol e Pilar Díez
Ano de finalización: 1995
Rehabilitación de fábrica de salgadura. A Casa de Aldán
Descrición
Intervención contemporánea sobre unha antiga fábrica de salgadura en estado de total abandono para transformala nun establecemento de turismo rural. Sobre o esqueleto do lugar proxectouse un esquema flexible que rodea un gran patio de acceso encerrado tras os muros de pedra. Sobre os muros asómanse ao mar os espazos interiores. A proposta combina modernidade, simplicidade e austeridade sen esquecer a reconstrución histórica.
Enderezo:
Avenida José Graña, 20. Aldán
Cangas
42.2812194, -8.820622222222221
Autor: Alfonso Penela Fernández
Ano de finalización: 2000
Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre (PAAR)
Descrición
O Parque Arqueolóxico reúne unha das concentracións de arte rupestre ao aire libre máis importantes de Europa. O centro de interpretación, que alberga os espazos de exposición e investigación do parque, como unha gran roca que emerxe do terreo, busca a súa integración na paisaxe mediante mecanismos non convencionais: unha xeometría rotunda e unha superficie altamente texturada.
Enderezo:
Praderrei, s/n
Campo Lameiro
42.5417639, -8.530744444444446
Autor: RVR Arquitectos (Alberto Redondo, José Valladares e Marcial Rodríguez)
Ano de finalización: 2009
Actuacións na Illa de Arousa
Descrición
Proxéctase un conxunto de edificios atendendo ao uso público e á memoria mariñeira. Novo Concello, diversas rehabilitacións, centro social e auditorio. Edificios abertos tanto á preciosa paisaxe da ría coma aos visitantes. Todos os elementos xiran ao redor da idea da comunidade, creando un espazo compartido por turistas e oriúndos do lugar, que transmiten a memoria depositada nas antigas construcións.
Enderezo:
Palmeira, 24-25
A Illa de Arousa
42.5639833, -8.874025
Autor: J. Manuel Gallego Jorreto
Ano de finalización: 2006
Recuperación da fortaleza de Goián
Descrición
Entre a fortaleza de San Lourenzo (s. XVII) e unha pequena praia fluvial bañada polo Miño a presenza dunha canteira desvirtuaba a paisaxe. O proxecto crea unha nova conexión coa fortaleza, mitigando o baleiro xerado e restituíndo a ladeira. Cun só elemento, o muro de formigón, resólvense bancadas, zonas de sombra e servizos para a praia. Ponse en valor a fortaleza e gáñase un novo espazo público.
Enderezo:
Praia de Goián
Tomiño
41.9400278, -8.752444444444444
Autor: Pablo Gallego Picard
Ano de finalización: 2012
Casa do concello de Lalín
Descrición
Conxunto de edificacións de estrutura orgánica, nas que predominan as formas curvas, que se inspira nun castro prerromano, un "castro tecnolóxico", nexo de unión entre pasado e futuro. Adaptándose ao terreo, os volumes configúranse ao redor dun espazo público de reunión consagrado para a maioría dos usos. Os interiores de formigón e as fachadas lixeiras, de vidro. O complexo configúrase como unha estrutura aberta e que evita espazos xerarquizados.
Enderezo:
Praza de Galicia, 1
Lalín
42.6605167, -8.116147222222223
Autor: Luis M. Mansilla e Emilio Tuñón
Ano de finalización: 2011
Centro deportivo do Pontillón
Descrición
Non moi lonxe de Pontevedra, situado no bordo dun encoro utilizado como pista de competición internacional de piragüismo, apíñanse embarcadoiros, hangares e oficinas, nun xogo suxestivo de volumes e cor que funde arquitectura e paisaxe. Parte das construcións intégranse na topografía con cubertas transitables que serven de bancadas ou miradoiros.
Enderezo:
Gabián, s/n. Berducido
Pontevedra
42.4955472, -8.615933333333333
Autor: José R. Garitaonaindía
Ano de finalización: 2009
Departamentos de pescadores
Descrición
Sobre un espigón do porto de Cangas sitúanse uns almacéns para pescadores. Nun lugar sensible, límite sur da vila, o edificio trata de non interromper a contemplación do horizonte, de ser permeable á paisaxe. Utilizando celosías de aceiro crea a sensación de transparencia que lle permite compaxinar usos pechados con ser escaparate da cultura marítima e acoller o paseo de todos os visitantes.
Enderezo:
Porto de Cangas
Cangas
42.2585833, -8.785491666666667
Autor: Jesús Irisarri e Guadalupe Piñera
Ano de finalización: 2006
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Descrición
No arrabalde de Vigo, nas montañas que acompañan a ría, de orografía complicada, atópase o campus sede da Universidade de Vigo. Nas últimas décadas, especialmente no últimos quince anos, construíronse numerosos edificios, facultades, sedes administrativas, centros de investigación ou residencias, dun grande interese arquitectónico, o que converte este campus nun polo, de especial interese, de arquitectura contemporánea na provincia. De entre os edificios construídos no campus selecciónanse, polo seu especial interese, os seguintes: residencia universitaria O Castro, Reitorado da Universidade de Vigo, Xerencia e Servizos Centrais da Universidade de Vigo, Biblioteca Central da Universidade de Vigo, Aulario da Universidade de Vigo, Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, CITEXVI, Centro de Investigación Tecnolóxico Industrial (MTI), Escola de Enxeñería de Telecomunicación e ETS de Enxeñería de Minas, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Vigo e Facultade de Filoloxía e Tradución
Enderezo:
Campus de Vigo (As Lagoas, Marcosende)
Vigo
42.1701778, -8.688352777777778
Autor: Varios
Ano de finalización: Varios
Museo do Mar de Galicia
Descrición
O Museo do Mar de Galicia emprázase nunha antiga fábrica de conservas nun peirao sobre a ría de Vigo. Trátase dun pequeno complexo que integra a antiga nave da fábrica, un novo corpo, o acuario e o faro, un conxunto concibido como un único ámbito espacial, delimitado en parte por un muro perimetral e en parte polo propio mar. Diversidade de espazos, interiores e exteriores, nos que perderse e dos que apropiarse. Magnífico miradoiro sobre a ría e as illas Cíes.
Enderezo:
Avenida Atlántida, 160
Vigo
42.2238806, -8.77025277777778
Autor: César Portela e Aldo Rossi
Ano de finalización: 2003