Noticias

A Deputación lanza os contidos da plataforma web de "Descúbre-as" para dotar de ferramentas ao talento feminino musical da provincia

Carmela Silva: "Na industria musical hai teitos de cristal e solos pegañentos que impiden que as mozas poidan chegar. `Descúbre-as´ é un proxectazo, un dos máis relevantes na música en igualdade na provincia, en Galicia, e en todo o Estado"


18 febreiro 2021
Descubreas

"`Descúbre-as´ é un proxectazo, un dos proxectos máis relevantes que existe a prol da igualdade na música en Pontevedra, en Galicia, e en todo o Estado español". Con esta afirmación, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou hoxe o seu orgullo "polos enormes avances dun programa presentado en decembro que a día de hoxe ten tantas novidades na plataforma web". A presidenta, xunto a Olalla Dopico, coordinadora do proxecto, presentaron as novas accións de www.descubreas.com "unha web moi potente, que crea redes, pon en relación ás mulleres novas coa industria musical para que poidan desenvolver a súa carreira profesional". No acto de lanzamento participou a cantautora viguesa Sanny que interpretou algunhas das súas pezas. "Na industria musical –asegurou Carmela Silva– hai teitos de cristal e solos pegañentos que impiden que as mozas poidan chegar. Non pode haber nada mellor que permitir que as mulleres novas teñan instrumentos para poder dedicarse á música".

Neste eido, xa se poden consultar na web do programa vídeos, entrevistas, unha completa axenda, novas e recursos formativos que permitirán avanzar neste obxectivo. Trátase dunha páxina "de enorme calidade técnica" na que se inclúen desde vídeos titoriais ata foros, vídeo-entrevistas, e un mapa de mulleres na industria musical, "fundamental para visibilizar que hai mulleres". Xunto a estas seccións, e dada a amplitude de contidos que inclúe www.descubreas.com, lanzarase unha newsletter para "colaborar e facer comunidade e redes", a fin de facilitar ás persoas usuarias a información e novidades de todo o que está a acontecer. A presidenta avanzou que "tamén se darán a coñecer novos avances en relación a `Descúbre-as´ o vindeiro martes, 23 de febreiro, cando presentaremos a nosa programación do 8M, que será o proxecto de visibilidade da axenda feminista máis potente que se vai facer en toda Galicia".

A coordinadora do proxecto, Olalla Dopico afondou na plataforma web, un espazo que pretende "amosar de maneira atractiva e útil os contidos para motivar ás rapazas a crear comunidade e participar en proxectos, converténdose nun espazo seguro onde as mozas se sintan acompañadas". Neste eido, a web inclúe novas protagonizadas por artistas femininas do ámbito local e internacional; vídeos de mozas como Mariña de Furious Monkey House; entrevistas a mulleres do sector que falan das súas inquedanzas e vivencias; unha axenda de eventos e concertos; contidos transversais para que as mozas poidan decidir como achegarse á música; un foro de consultas en liña co asesoramento de músicas profesionais; un directorio de contactos de mulleres da industria musical da provincia de Pontevedra e de Galicia para crear rede; así como información do programa de mentoring, "pioneiro no seu eido", para acompañar ás mozas nos seus primeiros pasos na música. "Hai –asegurou– moita información e por iso imos lanzar unha newsletter, que enviaremos semanalmente ás persoas subscritas, cun resumo dos contidos máis importantes".

 "Hai unha palabra que define o que estamos a facer na provincia–afirmou Carmela Silva– que é transformar. Pero é imposible transformar o mundo se o 52 % da poboación non ten todos os seus dereitos e por iso, na Deputación, a igualdade é o eixe vertebrador da nosa acción". Baixo esta premisa e partindo dos datos "indignantes" das mulleres na industria musical, pese a que os conservatorios, as escolas de música e os centros de formación "están cheos de nenas e mulleres mozas", xorde o proxecto "Descúbre-as", unha iniciativa que nace de Regalamusica, "dunha sociedade que cree na igualdade e está comprometida coa transformación".

Fotos

Vídeos