Noticias

A transformación de Ponte Caldelas, "a vila exemplo do cambio", avanza coas obras das avenidas de Vigo e Galicia, rúa da Ponte e praza de Praceres Castellanos

Carmela Silva eloxia o "traballo, ideas e impulso" do Goberno local, que se traducen nunha gran capacidade para captar fondos europeos e "financiamento regrado"


19 xullo 2021

As catro grandes obras públicas que están a cambiar a faciana urbana de Ponte Caldelas foron visitadas hoxe pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, en compaña do alcalde, Andrés Díaz. As actuacións, valoradas en 1.235.155 euros, abranguen a avenida de Galicia, con 435.869 euros; a avenida de Vigo, con 647.208 euros; a rúa da Ponte, con 84.078 euros, e finalmente, a nova praza de Praceres Castellanos, cuns 65.000 euros de investimento. As catro obras están rematadas a excepción da avenida de Galicia, que afronta a recta final. Na visita participou tamén o deputado de Cooperación, Santos Héctor, e varias concelleiras caldelás.

A Deputación achegou un total de 369.415 euros para facer posible o maior avance na calidade urbana da historia recente da vila termal. Nas avenidas de Galicia e Vigo puxo o 20 % do orzamento para completar a subvención europea do 80 %, que o Concello conseguiu gracias á súa inclusión no Plan Urbano de Mobilidade Sostible (PMUS), financiado pola Deputación, coa redacción de ambiciosos proxectos que reducen as emisións de CO2 e a pegada ambiental. Pola súa banda, as obras da rúa da Ponte e da praza de Praceres Castellanos foron financiadas ao 100 % polo Plan Concellos da institución provincial.

Ao remate da visita, o alcalde presentou o deseño do novo proxecto urbano en carteira, co que pretende reformar o espazo contiguo á escola infantil (rúa de Frei Antonio Orge), creando un espazo cidadán aberto na súa fronte, e un aparcamento público na parte traseira. O proxecto foi presentado hoxe ao plan ReacPon, da Deputación, dotado con 20 millóns de euros para financiar grandes actuacións municipais que contribúan á reactivación económica e encaixen cos "principios Ágora". A presidenta, Carmela Silva, amosouse gratamente sorprendida polo novo proxecto caldelán para a contorna da escola infantil: "É unha beleza o que presenta o Concello para recuperar toda esta contorna e crear unha gran mazá de servizos xunto coa praza de España, que é a envexa de toda a contorna".

Unha Ponte Caldelas distinta á de hai 6 anos

Carmela Silva aplaudiu a capacidade de xestión do Goberno local de Ponte Caldelas para aprobar precozmente o PMUS e para redactar grandes proxectos urbanos aliñados cos requisitos dos fondos europeos que tramita o Instituto para a Diversificación e Aforro Enerxético (IDAE). "O alcalde está a converterse nun dos que máis recursos regrados acada para transformar a súa vila". Neste senso eloxiou que a transformación caldelá pivote sobre a mobilidade sostible, a transición ecolóxica e a cohesión social, acometendo obras urbanas "con parámetros da maior calidade". A presidenta recalcou que o avance foi posible porque hai "traballo, ideas e moito impulso". "Ponte Caldelas é unha vila para poñer como exemplo", remarcou, "e eu vou facelo en moitos lugares". "Esta Ponte Caldelas é outra á que a que nos topamos hai seis anos; non hai quen a recoñeza e estou orgullosa de telo vivido en primeira persoa".

Finalmente, agradeceu o xesto do Concello de dedicar unha praza á memoria de Praceres Castellanos, mestra, enfermeira e muller comprometida na defensa da Democracia na loita contra o franquismo e mesmo, despois de terse exiliado en Francia, contra o nazismo. Lembrou que esta muller, nacida en Ponte Caldelas e falecida en Vigo, ten familiares no contorno e que era necesario visibilizala. "Creo que este espazo co seu nome, recordando ás mulleres que fixeron achegas para transformar a sociedade, era unha obriga".

O alcalde de Ponte Caldelas agradeceu a presencia da presidenta da Deputación para comprobar os resultados das catro grandes obras urbanas que veñen ou están a piques de finalizar: "Quixemos que Carmela Silva comprobara sobre o terreo os efectos do Plan Concellos da Deputación, tan importante para os concellos, porque reparte cartos equilibradamente en función de criterios regrados e a todos os municipios por igual". Explicou que "son cartos que nos dan moita autonomía e que non só permiten grandes transformacións no solo urbano, senón tamén no rural". Neste senso lembro que Caldelas ten 33 núcleos rurais "e en todos eles hai obras financiadas polo Plan Concellos, facilitándolle a vida diaria a moita xente".

Díaz amosouse tamén moi satisfeito co gran proxecto con que Ponte Caldelas concorre formalmente desde hoxe ao Plan REACPON, unha vez formalizada a solicitude. "É outro plan que a Deputación saca con criterios obxectivos e ogallá que se nos conceda; nós xa temos os deberes feitos e cremos que cumprimos cos criterios esixidos nas bases; así que agardamos que a presidenta poida volver dentro dun tempo para inaugurar estas outras obras".

Fotos

Vídeos