Escola de Letras

Inma López Silva

Inma López Silva

Naceu en 1978 en Santiago de Compostela. É unha das narradoras novas galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. En 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois se traduciu a castelán.

Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi cedo, en 1996, gañou o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago de Compostela. Ese primeiro froito literario sorprendeu a lectores e a crítica pola madurez dunha novela que recupera o drama, nunca suficientemente contado, da Guerra Civil. Neve en abril foi o libro que mereceu o dito galardón e que en 2005 renaceu na Editorial Galaxia como un libro aberto a lectores de todas as idades, tamén a aqueles que están a piques de comezar o seu percorrido pola vida adulta. Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, e como colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada pola Editorial Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente obtivo o premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Premio Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.

Foto da autora: © Judit Cendón

http://editorialgalaxia.gal/autor/inma-lopez-silva/

Última modificación: luns, 25 maio 2020