Noticias

A Gala do Turismo transforma o "Mar de Vigo" nun gran espectáculo visual e musical para apoiar ao sector e nomear embaixadores aos Estrellas Michelin

A actriz Celia Freijeiro fixo unha viaxe máxica polas Rías Baixas que contou coas impresionantes actuacións de Pablo Méndez e Laura LaMontagne, nunha vangardista cerimonia que rendeu homenaxe a 136 empresas distinguidas co selo SICTED


24 marzo 2021

A Gala contou coa asistencia da Presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do alcalde de Vigo, Abel Caballero, como anfitrión, amais de alcaldes, alcaldesas e representacións de Pontevedra, Vilagarcía, O Grove, Lalín, Sanxenxo, Redondela, Cambados, Meis, Baiona.. e así ata de 42 concellos da provincia, e responsables de Mancomunidades como a do Salnés. O turismo estivo representado a través dos representantes sectoriais, entre eles o Clúster de Turismo, as denominacións de orixe, os Festivais Rías Baixas, os Rías Baixas Film Fests, e entidades que representan ás axencias de viaxes, de aloxamento, turismo activo e culturais, xunto coas empresas que participaron na aceleradora TurisTIC, amais de medios especializados. Na Gala, foron homenaxeadas 136 empresas distinguidas co selo do Sistema Integrado de Calidade en Destinos Turísticos (SICTED), un dos obxectivos centrais da celebración do evento. Ademais, anunciáronse as gañadoras e gañadores do primeiro concurso "Momentos Rías Baixas" en redes sociais, no que resultaron premiadas Diana Miaus, Rosa Fernández, Viajero Gastronómico, Betty das Neves e Estefanía Lago. Celia Freijeiro conmemorou o momento cun "selfie" con algúns deles e elas, presentes na sala.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, mostrou a súa emoción por poder volver a facer "a gran noite do turismo na provincia". "Este ano, dixo, a Gala do Turismo era máis necesaria que nunca e debemos estar preparados para cando se poida viaxar. Sodes un sector fundamental, desexámosvos todo o ánimo e fortaleza e traballaremos man con man con vós para que cheguen pronto de novo os bos momentos". Engadiu Carmela Silva o compromiso coa excelencia: "Apostamos pola calidade, como se manifesta no feito de que somos líderes en distintivos SICTED; e sairemos máis fortes e ben posicionados para fidelizar visitantes, atraer a novas viaxeiras e viaxeiros e consumidores, e abrir mercados".

O nomeamento dos "Embaixadores Rías Baixas"

Os novos embaixadores e embaixadoras Rías Baixas foron homenaxeados no momento central da Gala cando os e as responsables dos sete restaurantes con Estrela Michelin da provincia foron chamados ao escenario: Javier Olleros e Amaranta Rodríguez (Culler de Pau), Pepe Solla (Casa Solla), Pepe Vieira, Yayo Daporta, Rafa Centeno e Inés Abril (Maruja Limón), Iñaki Bretal (O Eirado da Leña) e Alberto González Prelcic e Goretti Álvarez (Silabario). Carmela Silva resaltou que os restaurantes Michelin "son a proba do éxito e da excelencia da nosa cociña, e están comprometidos co territorio, o produto e a cultura gastronómica das Rías Baixas".

Viaxe cun gran apoio audiovisual e tecnolóxico

O espectáculo audiovisual e musical tinguiu toda a Gala en distintos formatos a través das actuacións de Pablo Méndez e Laura LaMontagne e da pantalla de 14 metros de ancho na que se proxectaron varios vídeos, un deles previo ao comezo con impresionantes imaxes da costa e o interior da provincia, aos que lle sucedeu o vídeo da campaña 2020 "Sigue o teu instinto" –que vén de ser premiado na categoría de "ecoturismo" no Festival The Golden City Gate de Berliin-; outro no que responsables de empresas contan anécdotas e momentos especiais; os audiovisuais dos artistas, e un peche cun espectacular atardecer na torre de San Sadurniño en Cambados. Celia Freijeiro, que xa fora protagonista de "Sigue o teu instinto", levou ao público nunha viaxe pola provincia con anécdotas, recordos e experiencias, centrándose na natureza, o patrimonio, a gastronomía, a cultura, festas e festivais e o Camiño de Santiago.

Agasallo: o caderno de viaxe e gastronomía

As representacións dos concellos con empresas distinguidas co SICTED saíron ao longo da cerimonia ao escenario como recoñecemento a estas entidades, e no remate da Gala todo o público recibiu como agasallo un caderno de viaxe e unha mostra de produtos da provincia. "Agora tócalles a vostedes anotar os seus Momentos Rías Baixas, e nada mellor para axudar a inspirarse que un bocadiño da nosa gastronomía", rematou Celia Freijeiro para poñer o colofón á gran noite do turismo da provincia.

Fotos

Vídeos