Mulleres en acción Violencia Zero

"AMOR", Helen Bertels

Pontevedra
26 de novembro 2018, ás 12
Praza da Peregrina

Helen Bertels

AMOR

Cal é a esencia da muller? Que fai que sexamos nós mesmas? Que sabemos do misterio que levamos dentro de nós? O que quero compartir neste espectáculo son pinceladas dunha busca. A busca dun saber feminino oculto, perdido ou esquecido.

Amor é parte do proxecto "Agasállame un día da túa vida" no que visito a mulleres que poidan botar algo de luz á escuridade que envolve esa cuestión. A partir da experiencia dese día compartido elaboro un retrato en palabras e imaxes en traballos de artes plásticas, escénicas, literarias ou audiovisuais.

Amor é un espectáculo en continuo cambio que crece a partir de cada unha das experiencia vividas en "Agasállame un día da túa vida".

Ficha técnica

  • Creación e interpretación: Helen Bertels
  • Axudantes: Gena Baamonde (dirección) e Nuria Sotelo (movemento)
  • Iluminación: Laura Iturralde
  • Vestiario: Vaello
  • Fotografía: Martiño Picallo
  • Produción: Helen Bertels e Belém Brandido
  • Colaboran: CDG, Festival ALT e A Regadeira de Adela

CV Helen Bertels

É unha actriz, creadora, autora e artista alemá establecida en Santiago de Compostela desde 1999. Traballou e formouse na compañía Matarile Teatro, no Teatro Galán, no Festival Internacional En Pé de Pedra e no CECC (Centro d'Estudis Cinematogràfics de Catalunya). Logo decidiu ampliar horizontes e diversificar a súa actividade artística priorizando o que quere expresar, que desde sempre tivo unha estreita relación co mundo da muller.

Entre os seus traballos en escena destacan Wir Frauen (coproducido con La Tía Mardalina), Amor (espectáculo en continuo cambio), Poemas para levar (acción na que le do seu libro Diario de Nimiedades a paseantes) e Nimiedades (13 accións escénicas con Monica de Nut). Na actualidade está creando poemas visuais (series de collage de técnica mixta), varios proxectos como autora e "Agasállame un día da túa vida" (proxecto do que forma parte Amor e no que acompaña mulleres durante un día e crea un retrato artístico delas).

Galería de fotos