Mulleres en acción Violencia Zero

"A PALABRA INDÓMITA", Iolanda Zúñiga

Vilaboa
29 de xaneiro 2019 ás 12 h
CPI do Toural

Iolanda Zúñiga

A PALABRA INDÓMITA

Escribir para desaparecer. Ese é o compromiso. Rasurar o embuste para permitir que aflore a verdade. Esta honradez que debe habitar un texto é incompatible coa impostura, co pudor. Ou te ispes ou estafas. Agacharse no simulacro do que non somos nin padecemos acaba por delatarnos. Engordar tropezos, falsear sensibilidades, simular intereses que enmascaren as fisuras por onde asoma o amable ou desagradable da autora é un labor esgotador e ineficaz. Finximento ou barbarie, pois. Se non apostas pola segunda das opcións exposte á mediocridade. A franqueza sometida a un proceso de doma e castración, en prol da hipocrisía, tan só deriva nunha ficción mesquiña. Entregarse en cada texto é o propósito. Ata desabrigarnos. Ata desampararnos fronte ao ritual da escrita, da que unha tenta fuxir –antepoñendo outras querenzas, despistando a necesidade–, pero ela atópate. E abres unha páxina en branco. E a túa palabra vólvese indómita.            

CV Iolanda Zúñiga (Vigo, 1975)

Como escritora publicou o libro de relatos Vidas post-it (Xerais, 2007), traducido ao castelán e ao catalán no selo Pulp Books (2013) e ao vasco en Pasazaite Liburuak (2014). É autora tamén das novelas Periferia, galardoada co premio Xerais 2010, Noites de safari. Manual sobre amantes desorientados (Xerais, 2018) e da distopía Natura (Galaxia, 2018). No eido da poesía publicou Amor amén (Xerais, 2008). Así mesmo, en materia poética mantén, nas redes sociais, un proxecto audiovisual chamado #GravaciónsRuíns no que recita textos propios, inéditos en papel e próximos á poesía oral slam.

Galería de fotos