Mulleres en acción Violencia Zero

"VENUS", Luz Darriba

Vilagarcía de Arousa
26 de marzo 2019 ás 12 h
Praza de Galicia

Nieves Correa

VENUS

Partindo dos mitos gregos para chegarmos ao corazón mesmo das mulleres de hoxe, Venus, como símbolo e sinal, como estigma, como valía e empoderamento. Venus nace e nosoutras nacemos con ela, somos ela, somos todas. Venus indaga na vida das mulleres do mar e no mar das mulleres. Propón un xeito de ollada que recolle sentimentos, sensacións, desexos, ideas e soños. A Venus espida que simboliza os nosos corpos: Venus Amica, Venus Armata, Venus Caelestis, Venus Áurea, Venus xurdindo dun cadro do Renacemento e Venus guerreira que pelexa decotío pola vida propia e pola da súa descendencia.

Venus quere ser un redescubrimento das nosas esencias máis íntimas, unha análise desde o visual, o táctil, a maxia dos sons e a alegría esperanzadora da palabra. Venus quere ser unha peza colaborativa onde desmitifiquemos a icona estereotipada que a historia nos quixo vender sobre ela e a convertamos na nosa forza.

CV Luz Darriba

Artista multidisciplinar, escritora, activista cultural feminista e filla da diáspora galega e asturiana no Río de la Plata. Naceu en Montevideo en 1954 e formouse en Bos Aires nas tres escolas de arte e na Facultade de Filosofía e Letras da UBA. Realizou máis de 300 exposicións colectivas, unhas 50 individuais e recibiu numerosos recoñecementos polo seu traballo. A parte máis coñecida do seu labor son as máis de 40 macrointervencións en espazos públicos en distintas cidades de Europa e América. Entre elas: Cumulum, muralla de libros (Lugo, 2000); Libres avec des livres (Maison de la UNESCO, París, 2000); Alcalá, unha porta á cultura (Puerta de Alcalá, Madrid, 2001); Patchwork (Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela, 2004); Cortar polo san (Plaza de Mayo, Bos Aires, 2008); Sinais, semáforos non sexistas en diferentes cidades do mundo (2006-2017); Arakne (Kursaal, Donostia, 2007) e Marelle des livres, homenaxe a Cortázar (Bruxelas, 2014).