Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Ana Santiso

Maio 2020 - Mondariz

Título da acción: O futuro pintámolo nos

Ana Santirso

A acción:

A acción consiste na creación dun mural coa axuda de mozas e mozos.

Nunha sesión previa charlaremos e reflexionaremos acerca da violencia de xénero, afondaremos nalgún dos seus aspectos e buscaremos a mensaxe que queremos plasmar no mural e o xeito de representala graficamente.

A intención da acción é concienciar as mozas e mozos de que nas súas mans, na súa actitude, está o futuro da situación das mulleres na sociedade. O proceso de seleccionar unha idea acerca dun tema e conseguir comunicala mediante unha imaxe supón unha reflexión profunda sobre o tema en cuestión, e o feito de que esa reflexión se realice en grupo enriquece aínda máis a experiencia.

Na primeira sesión de traballo no mural as mozas e mozos pintarán unha primeira capa. Sobre ese fondo pintarei as figuras nas seguintes sesións para conformar a imaxe final.

CV Ana Santiso (Touro, 1981)

Ana Santiso debuxa desde pequena porque non lle mercaban libros para colorear. O que si coloreaba eran os mapas de sociais, que lle quedaban sempre moi bonitos. Tamén enchía de garabatos os libros de texto todos porque, total, era a pequena da familia e xa non se ían usar máis. Dependendo do aburrida que fose a clase, non era raro que excedese os límites do libro e o debuxo se propagase polo pupitre, o que lle custou máis dun recreo fregando os pupitres todos da aula. De adolescente comezou a pintar lenzos e, para preocupación de súa nai e do seu pai, decidiu formarse en Belas Artes, en Pontevedra. Non contenta con iso, conseguiu unha bolsa da Deputación para estudar Ilustración na Escola Massana de Barcelona. Desde o 2010 dedícase profesionalmente á ilustración; xa leva máis de 15 títulos publicados con editoriais como Xerais ou Galaxia. O máis recente é de 2019, un álbum ilustrado da súa autoría chamado Cidade Cemento, publicado por Galaxia. Tamén pinta murais grandes e pequenos para particulares, empresas e institucións. Participou na segunda e cuarta edición de Vigo, Cidade de Cor, pintando dúas das fachadas do Pavillón Deportivo de Bouzas xunto á artista Elara Elvira. É habitual atopala impartindo obradoiros de mural, ilustración ou cómic. Esta é, xunto co álbum ilustrado, a súa maneira favorita de contar historias. Actualmente traballa nunha novela gráfica de aventuras de 100 páxinas ambientada na época na que os romanos chegan a Galicia.