Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Laura LaMontagne

Xuño 2020 - O Grove

Título da acción: TICKy-TACKy-PATRIARCHy

Laura Lamontagne

A acción:

Nesta performance poético-musical afondarei nos valores patriarcais que conducen á violencia sobre as mulleres, sobre os animais, sobre a Terra. As dinámicas de explotación de corpos e recursos que se repiten (e repetimos) ao longo da historia subscríbense a lóxicas patriarcais que enclaustran os afectos, a forma de alimentarnos e a forma de vivir nunha práctica "carnofalogocentrista" de razón sacrificial. Un cambio de paradigma é necesario.

A miña procura poética e teórica inspírase en obras coma La política sexual de la carne de Carol J. Adams. Este importante libro mostra que a loita antiespecista e a feminista non poden camiñar separadas, xa que as opresións coas que queren acabar parten do mesmo punto. Unha non ten sentido sen a outra, e menos hoxe en día, dada a emerxencia social, climática e moral á que nos enfrontamos como humanidade.

CV Laura LaMontagne (Lugo, 1993)

Cantante, poeta e afeccionada do audiovisual.

Foi actriz na película de Anxos Fazáns A estación violenta. Durante o ano 2018 comezou un dos seus proxectos no que se mesturan audiovisual, poesía e música: La elegía de la huerta. Estes concertos posiciónanse a favor da interseccionalidade das loitas antiespecista e feminista.

No seu proxecto actual con PicoAmperio (Pedro Cuntín Paz) une o universo hip-hop co das cantigas de amigo de Martín Codax e con poemas de Rosalía de Castro, Luz Fandiño ou Fernando Pessoa.