Mulleres en accion violencia cero 2019-2020

Rut Balbís

Novembro 2020 - Moaña

Título da acción: Pel continua

Rut Balbís

A acción:

Imaxino corpos que se tocan, que se acariñan, que se apertan, que se mesturan.

Imaxino que eses corpos non se preocupan nin polo xénero nin pola forma que teñen.

Imaxino que pechamos os ollos e conseguimos ver a través das nosas mans. As nosas mans en contacto coa pel deses corpos.

Imaxino que tocarnos é normal.

Imaxino que a pel continúa no corpo seguinte e que se estende nunha masa que respira en colectivo.

Imaxino corpos gozando de moverse, de moverse sen precisar o porqué ou o para quen. Un movemento esperto e compartido que contaxia.

Imaxino que o que imaxino sucede de verdade.

 

CV Rut Balbís (Ourense, 1979)

Rut Balbís, bailarina, coreógrafa e profesora de danza contemporánea, desenvolve a súa traxectoria profesional á fronte da súa propia compañía, Pisando Ovos, desde 2004. Ata o momento conta con nove pezas coas que asistiu a festivais nacionais e internacionais de recoñecido interese, coma o Danza Valencia, o En Pé de Pedra de Santiago de Compostela, o TAC de Valladolid, o SAT de Barcelona, o TNT de Terrassa, o Operaestate de Bassano del Grappa (Italia), o FUDC de Bogotá, La Tentation de Bruxelas… En 2007 obtén o primeiro premio do Certamen Coreográfico de Madrid con No intre 1800.

Licenciada en Ciencias da Actividade Física e do Deporte pola UDC, estudou na London Contemporary Dance School de Londres e obtivo o One Year Certificate. Dirixiu a Aula de Danza Normal da UDC durante 14 anos e, actualmente, colabora con outros artistas e compañías coma Paula Quintas, Voadora Teatro e o Colectivo RPM.

Correo-e/teléfono de contacto:

Manu Lago: pisandoovos@gmail.com

607 186 224