Noticias

"Depoemprende" chega este venres á Cámara de Comercio de Vigo

O programa de emprendemento xuvenil beneficiará a 120 persoas desempregadas e menores de 30 anos da provincia de Pontevedra


08 set 2016

Mañá venres, 9 de setembro, a Cámara de Comercio de Vigo acollerá, a partir das 12:00 horas, unha xornada informativa sobre o programa da Deputación de Pontevedra "DepoEmprende". "DepoEmprende" está dotado con 260.000 € e ten como finalidade o impulso do emprendemento e a cultura emprendedora xuvenís na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.

Nesta xornada, a Deputación de Pontevedra dará a coñecer entre as mozas e mozos da provincia os obxectivos e contidos de "DepoEmprende", entre os que se atopan o fomento do espírito emprendedor e a cultura emprendedora, eliminando as barreiras que dificultan ou impiden a transformación das ideas emprendedoras en proxectos concretos, así como a incorporación ao mercado laboral de 120 mozas e mozos da provincia a través de itinerarios de emprendemento xuvenil adaptados ás súas necesidades.

As persoas que estean interesadas en participar en "DepoEmprende" poderán formalizar a súa inscrición este mesmo venres, durante a celebración da xornada en Vigo. A partir dese momento e se finalmente son seleccionados ou seleccionadas, serán apoiados en todo o momento pola Deputación, que os axudará a deseñar un plan e un proxecto personalizados para cada participante, nos que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais.

Un dos obxectivos prioritarios do Goberno da Deputación de Pontevedra é a loita contra o desemprego para converter a provincia nun territorio próspero. Con "DepoEmprende", a Deputación de Pontevedra quere promover que os proxectos medren de xeito competitivo, consolidando solucións óptimas en xestión de recursos, incrementando o valor da innovación para fortalecer o tecido empresarial, mellorando a prestación de servizos, desenvolvendo novos produtos e modelos de negocio e creando emprego, xa que se pretende incorporar ao mercado laboral ás 120 mozas e mozos participantes.

O impulso do emprego xuvenil é un dos obxectivos prioritarios para a Deputación de Pontevedra. De feito, o novo Goberno da Deputación está a impulsar proxectos específicos para a mocidade como o Plan de Práctica Laboral para Deputación e Concellos da provincia, xa en marcha, ou o Plan para empresas e organizacións non gobernamentais, cuxo prazo para anotarse pechouse a semana pasada, ademais do programa "Practicum Depo", que facilita a estadía formativa no estranxeiro de mozos e mozas con estudos de formación profesional, así como o convenio asinado coa Universidade de Vigo para complementar a estudantes beneficiarios de becas Erasmus.

A Deputación de Pontevedra está a destinar, este ano, un 20,5% máis de recursos ao fomento do emprego, investindo 15,3 millóns de euros en planificar estratexias de desenvolvemento coa finalidade de impulsar o crecemento económico e o progreso social da provincia de Pontevedra.