Noticias

1.500 mozos accederon desde 2011 ó mercado de traballo co Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra

212 titulados universitarios e de Formación Profesional elixiron esta mañá o centro da Administración onde traballarán a partir do vindeiro 1 de abril


17 mar 2015
1500 mozos accederon desde 2011 ó mercado de traballo co Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra
1500 mozos accederon desde 2011 ó mercado de traballo co Plan de Práctica Laboral da Deputación de Pontevedra

O presidente da Deputación, Rafael Louzán, acompañado da deputada Begoña Estévez e da xefa do servizo de Recursos Humanos do organismo provincial, María Jesús Torres Peón, presentou esta mañá o novo Plan de Práctica Laboral. Esta bolsa de emprego permitiralles a 212 mozos da provincia acceder ó mercado laboral mediante a realización de prácticas en 69 entidades municipais e provinciais: 59 concellos e 10 dependencias provinciais.

Presentáronse máis de 1.350 solicitudes, que se someteron a un proceso de selección rexido polos principios de mérito e capacidade académicos. Os 212 titulados universitarios e de Formación Profesional completarán a súa formación académica en áreas de coñecemento e actividades que lles faciliten a súa plena incorporación ó mercado laboral.

Plan non comparable co doutras institucións

Este plan de inserción laboral, segundo Rafael Louzán, "non é comparable co que están realizando outras administracións", onde se destina "unha cantidade insignificante fronte ó investimento de 2,2 millóns de euros feito polo organismo provincial" para a posta en marcha desta segunda edición do Plan de Práctica Laboral destinado ós concellos. "Estamos falando de contratos dun ano para 212 titulacións, que estarán en nóminas de 800-1000 euros, en comparación á proposta do Concello de Pontevedra, onde se ofertan 3 meses e 375 euros de nómina. Por iso digo que algúns din que están facendo polo emprego pero, en definitiva, é practicamente un engano", afirmou Louzán.

As bolsas ofertadas pola Deputación de  Pontevedra oscilan entre os 800 e 1000 euros por un período de seis meses, prorrogable ata un ano.

Coa posta en marcha deste novo plan "son preto de 15 millóns de euros os que levamos investidos para que as persoas sen experiencia atopen así unha oportunidade laboral que seguramente moitos terían que buscar fóra de España", manifestou o presidente da institución provincial.

Estes 212 titulados universitarios e de Formación Profesional elixiron hoxe o centro de traballo onde o vindeiro 1 de abril terán a súa primeira experiencia laboral, vinculada a preto de 130 titulacións e ciclos de Formación Profesional.

Inserción laboral do 34 %

Na actualidade o 34 % dos mozos que accederon ó Plan de Práctica Laboral seguen a traballar. "Ata que remate este ano no mes de outubro non saberemos a cifra final de todos, pero a media é unha cifra magnífica para dicir que esas persoas van ter unha vinculación laboral, ben por un tempo ou incluso de por vida, o cal para nós xa é unha satisfacción". 

Despois de tres anos sen poder facer contratacións, de acordo co Real decreto-lei 20/2011, o programa dá cobertura a todos os concellos da provincia, xunto ós centros e servizos da Deputación (Cooperación, Comunicación, Servizos Lingüísticos, Patrimonio Documental e Bibliográfico, Finca Mouriscade, Estación Fitopatolóxica de Areeiro, Museo, Oral, Turismo e Príncipe Felipe). "É un auxilio importante que poidan contar con persoas con formación ás que lles falta práctica pero que van ter a oportunidade de achegar os seus coñecementos para un mellor funcionamento das administracións", destacou o presidente.

En colaboración coas empresas do sector privado e os concellos, o Plan de Práctica Laboral da Deputación permitiu a creación de 1.500 contratos desde a súa posta en marcha en 2011. O presidente da Deputación animou os novos bolseiros a aproveitar o que será a súa experiencia laboral e manifestou a súa vontade de que nos vindeiros meses se poida "concretar outro plan parecido" .

Vídeos

Audios

  • Audio