Noticias

200 nenas e nenos inauguran esta fin de semana os campamentos de Depo Aventura A Lanzada 2018

Un total de 2.200 nenas e nenos participarán este verán nas 11 quendas que organiza a Deputación de Pontevedra desde este domingo ata o 8 de setembro


23 xuño 2018
Depo Aventura

A deputada de Xuventude e Cohesión Social, Digna Rivas, inaugurará este domingo 24 de xuño a primeira quenda dos campamentos de verán Depo Aventura A Lanzada 2018, programa da Deputación de Pontevedra dirixido ás nenas e aos nenos da provincia con idades comprendidas entre os 8 e 13 anos.

Nesta quenda, ao igual que nas posteriores, participarán 200 nenas e nenos. Deste xeito, a institución provincial ofreceu un total de 2.200 prazas, sendo 300 delas gratuítas para familias en situación ou risco de exclusión social, tal e como vén facendo este Goberno desde a súa chegada.  

A finalidade do programa é achegar á mocidade actividades lúdico-educativas, culturais, deportivas e formativas que contribúan ao seu enriquecemento persoal e adquisición de habilidades sociais así como ao coñecemento de espazos de interese fora da súa contorna habitual.

Para este verán, a Deputación organiza 11 quendas que dan cabida na Lanzada a 2.200 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 8 e os 13 anos, nados entre o 2005 e o 2010, e empadroados nos concellos da provincia. Esta primeira quenda rematará o 30 de xuño e as seguintes serán do 1 ao 7 de xullo, do 8 ao 14 de xullo, do 15 ao 21 de xullo, do 22 ao 28 de xullo, do 29 de xullo ao 4 de agosto, do 5 ao 11 de agosto, do 12 ao 18 de agosto, do 19 ao 25 de agosto, do 26 de agosto ao 1 de setembro e do 2 ao 8 de setembro.

Depo Aventura A Lanzada contará con actividades cun claro compoñente educativo no ámbito do lecer, lúdicas, culturais, deportivas e formativas que contribúan ao enriquecemento persoal e á adquisición de habilidades sociais. A principal novidade deste ano ven dada pola resposta e compromiso adquirido trala vaga de lumes de introducir actividades de formación e educación ambiental. Deste xeito, en cada unha das quendas, haberá unha actividade centrada na concienciación sobre a posta en valor dos montes e prevención dos lumes.

Xunto a esta actividade, os campamentos da Deputación tamén están orientados á consecución de hábitos saudables, ao fomento de actitudes solidarias e de convivencia, á promoción da educación e igualdade de xénero e ao fomento do respecto ao medio ambiente. Ademais, tamén se inclúe unha visita á Illa de Ons e outra de carácter cultural, deportiva ou relacionada coa natureza e, ao igual que aconteceu o ano pasado, deberán impulsar actividades en lingua inglesa co obxectivo de mellorar o seu dominio do idioma nun contexto de lecer.