Noticias

#25N Violencia Zero chega ao Museo Marco de Vigo cunha orixinal perfomance para simbolizar o autocoidado das mulleres

Carmela Silva: " "Estamos aquí para alzar a voz, de pé, no centro dicindo alto e claro que estamos fartas. Sigamos activas, empoderadas, fortes, convencidas de que imos ser capaces de reverter esta situación tan inxusta que padecemos as mulleres"


26 novembro 2020
A presidenta presentando Violencia Zero en Vigo

"Quitáronnos tanto que xa nos quitaron o medo". Foi unha das mensaxes de esperanza que a artista Mónica Aranegui pronunciou hoxe na acción artística de "Mulleres en acción. Violencia zero", coa que a Deputación de Pontevedra e o Concello de Vigo organizaron o 25N desde o Museo MARCO de Vigo. Neste acto, tanto a presidenta, Carmela Silva, como o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañados de deputadas e deputados, e de concelleiras e concelleiros, volveron lanzar un berro "alto e claro" contra a violencia exercida contra as mulleres, aínda que, como a artista, fixeron "un canto de esperanza", convencidas "de que imos conseguir reverter esa situación tan inxusta".

Aniñará foi o título da orixinal performance que a creadora Mónica Aranegui deseñou especificamente para o MARCO, na que escenificou a necesidade do autocoidado das mulleres. A artista apareceu envolta nunha capa de lá que foi desfacendo e da que colgaban múltiples tarxetas. Nalgunhas, mensaxes machistas dun fío de Twitter publicado no 2017. Doutra banda, mensaxes de empoderamento que ela mesma publicou na rede coa axuda dun grupo de acción feminista. As mensaxes de esperanza foron gardadas nun bolso. As de violencia e de silencio, forman parte agora da terra da que brota unha planta. Unha acción cunha carga simbólica que, como destacou Aranegui, "espero que nos axude para ir cambiando as cousas". "Nin unha máis", concluíu. A intervención foi seguida por un grupo de mulleres artistas que tamén participarán este ano en "Violencia zero", como Xoana, Clara Ferrao, Gemma Marqués e Paula Sanmartín.

Na súa intervención, a presidenta, Carmela Silva, volveu incidir no "poder transformador" da cultura para "cambiar o que nos acontece desde o momento que nacemos" e insistiu en que "a violencia machista non e un virus, non é unha pandemia, nin unha enfermidade". "Os asasinos de mulleres non son enfermos –sinalou–. A violencia machista é o sistema social no que vivimos, onde a metade da poboación o ten todo e a outra metade, nós, vivimos na discriminación. Di Amelia Valcárcel, citou a presidenta, que a violencia nace da subordinación, da submisión e da discriminación, que os machistas cando unha muller se empodera, reclama o seu espazo sae da subordinación, usan a violencia para que volva estar subordinada, submisa, e é así". Silva insistiu en que "non hai nada máis urxente, ningunha emerxencia mundial máis importante que traballar porque a metade da poboación acade todo aquelo que lle pertence , a metade de todo". E destacou que a violencia "é un sistema patriarcal que impide que as mulleres podamos estar no espazo que é noso", tras lembrar que este ano van 41 mulleres asasinadas, 1.074 desde o 2003 e que nun ano 243 millóns de mulleres, sufriron violencia sexual e física no mundo.

Cunha mensaxe optimista, a presidenta enxalzou o papel das feministas, "nun momento en que están cuestionadas as mulleres "das que somos herdeiras e que nos trouxeron aquí". "Mulleres que conseguiron o voto universal, as que defenderon que tiñamos dereito a ir a universidade, a ocupar espazos, as que se arriscaron a tomar a voz para dedicarse á política, as que crearon empresas, ongs, as que se apuntaron aos sindicatos, a elas que enarboraron todas as bandeiras dos dereitos.  Sen elas, non estaríamos hoxe aquí". E animou ás mulleres a seguir "activas, empoderadas, fortes, convencidas de que imos ser capaces de reverter esta situación tan inxusta, a máis inxusta que padece o mundo, que é a que sufrimos as mulleres". "Estamos aquí para alzar a voz, de pé, no centro dicindo alto e claro que estamos fartas –engadiu–. Estamos cada día máis indignadas, pero coa esperanza de que temos o poder de ser a metade do mundo, e iso é un enorme poder. Compañeiras queridas, irmás, imos cambiar o mundo. Polo tanto tamén é un canto de esperanza.

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, destacou que a "igualdade ocupa o escenario político e social deste momento, despois de grandes penalidades para conseguilo", cando hai tempo "ser feminista era unha actitude socialmente rexeitable". Engadiu que "estar contra as violencias machistas é unha gran prioridade" na actualidade, despois de rachar cunha situación na que "a sociedade permanecía cinicamente inactiva diante de casos coñecidos e actitudes que sucedían nas propias veciñanzas". "Hoxe estamos no proceso de chamar asasinos aos asasinos, e aos maltratadores detestables aprendices de asasinos, e foi un grande avance que temos que consolidar".

Pero tamén se referiu ao retroceso que está a experimentar a igualdade cos negacionistas. "un proceso preocupante. Son os fascistas, o neofascismo, algo que a xente da miña idade críamos que nunca íamos volver ve e é un enorme factor de preocupación. E máis se cadra que forzas políticas democráticas gobernando branqueen esas posicións e gobernen con elas. "É o momento de clamar pola "Violencia zero", dixo, e de denunciar aos que pactan con grupos políticos negacionistas das violencias machistas e da igualdade". "Iso é parte da acción nesta cidade, é parte do que queremos facer. Primeiro atender as vítimas e en Vigo tentamos ser un exemplo desta acción".

As accións de "Violencia zero" en Vigo e Pontevedra foron o punto de arranque do programa da Deputación que, a partires de agora, percorrerá outros 23 concellos da provincia, "para co poder transformador da cultura achegar a loita pola igualdade e a loita contra as violencias machistas, a todos os recunchos de todas as comarcas".

Fotos

Vídeos