Noticias

26 entidades de Galicia e Portugal participarán no Consello Consultivo da AECT Río Miño

O órgano de participación estará presidido polo director do agrupamento, Uxío Benítez


03 abril 2019
Río Miño

O Agrupamento Europeo de Cooperación Territorial do Río Miño (AECT Rio Minho) constituirá mañá o seu órgano de consulta e participación. Un total de 26 entidades galegas e portuguesas designaron representante para a súa participación no Consello Consultivo, que estará presidido polo director da entidade, Uxío Benítez, e terá lugar na Escola Superior de Ciencias Empresariais de Valença.

Entre as e os representantes das entidades galegas que formarán parte do Consello Consultivo están a directora xeral de ordenación do territorio e urbanismo da Xunta de Galicia, M.ª Encarnación Rivas Díaz, o subdirector xeral de acción exterior e de cooperación transfronteiriza, Xosé Lago; a xefa de área de Calidade e Proxectos Europeos (Axencia de Turismo de Galicia), Laura María González-Dopeso; o xefe provincial de Costas, Enrique Fernández Menéndez; o xefe do servizo de conservación da Natureza da Xefatura territorial de Pontevedra, Pablo Caballero Javierre; o director da estación de Hidrobioloxía "Encoro de Con", Fernando Cobo.

Así mesmo, tamén terán representación a Universidade de Vigo, a Federación Galega de Municipios e Provincias, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil; o GDR Condado Paradanta, a comandancia Naval do Miño, a Cámara de comercio de Tui e a Confederación de empresarios de Pontevedra.

Máis dunha decena de altos cargos e organismos portugueses comporán a representación lusa, entre a que cabe destacar a participación da secretaria de Estado de Desenvolvemento Rexional de Portugal, María do Céu Albuquerque, en representación do Ministro do Planeamento do país veciño, Nelson de Souza.

Coa constitución do Consello Consultivo o AECT Rio Minho da por formalizados todos os seus órganos. O AECT Rio Minho é un instrumento de cooperación, con personalidade xurídica propia, integrada pola Deputación de Pontevedra e a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho. Constituíuse en Valença o 24 de febreiro de 2018 no marco do proxecto Smart Minho, para superar as dificultades atopadas na implementación de proxectos no territorio transfronteirizo.

O obxectivo prioritario da AECT Rio Minho é lograr a máxima cohesión económica e social da rexión transfronteiriza do val do río Miño a través da posta en marcha de programas, proxectos e accións comúns entre os territorios galego e portugués con iniciativas como: a valorización e promoción dos recursos do territorio, a promoción do patrimonio cultural e natural común, a captación de financiamento europeo e estatal para as diferentes iniciativas de emprendemento, a creación e consolidación dunha marca turística "Río Miño" como elemento de identificación do territorio e impulsar servizos e equipamentos compartidos entre os municipios de ambas as beiras do Miño.