271 deportistas da provincia recibirán as bolsas Depo Dan e Depo Promesa da Deputación

Serán 185 bolsas para deportistas de alto nivel -9 delas para persoas con diversidade funcional coas Axudas Plus A+- e 77 para deportistas promesa

02/10/2022

A Xunta de Goberno da Deputación vén de aprobar as achegas Depo_Dan e Depo_Promesa, ás que a institución provincial dedica un orzamento de 250.000 euros. En concreto, son 271 achegas e, delas, 185 correspóndense coas bolsas para deportistas de alto nivel e son 77 para deportistas promesa. Amais, deuse luz verde a 9 Axudas Plus (A+) dirixidas a deportistas “Depo Dan” con diversidade funcional. A presidenta provincial, Carmela Silva, recalcou que as Axudas Plus son “a novidade deste ano” e lembrou que “nas anteriores edicións estaban integradas coas bolsas globais pero na Deputación somos conscientes de que as persoas con diversidade funcional teñen moitos máis gastos e por isto creamos esta nova modalidade, na que van a percibir un maior importe”.

Estas becas permitirán ás e aos deportistas participar en competicións a nivel galego, nacional e internacional. As súas persoas beneficiarias pertencen a 33 concellos da provincia: Baiona, Barro, Cambados, Caldas, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa, Lalín, Marín, Moaña, Moraña, Mos, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño , Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilagarcía e Vilanova.