Noticias

300 persoas participarán este domingo na "Depo andaina" polo castelo de Sobroso e o castro de Troña por terras do Condado

Esta terceira "Depo andaina", que esgotou as súas prazas en 24 horas, combinará deporte, turismo e a posta en valor do patrimonio


06 xullo 2018
DepoAndaina Sobroso

Este próximo domingo terá lugar a terceira das "Depo Andainas", da Deputación de Pontevedra, na que 300 persoas percorrerán 14 quilómetros pola comarca do Condado, sendo o punto de partida a casa do concello de Mondariz. A elevada demanda fixo que, para a ruta, as 300 prazas ofertadas pola Deputación de Pontevedra se completasen en 24 horas.

Tratarase dunha andaina circular, de 3,5 horas de duración e de dificultade media-alta na que se percorrerán distintos reclamos turísticos da comarca pontevedresa como son os castros Laredo e Troña, as rutas polos ríos Xabriña e Tea ou o monte Landín. A actividade vinculada a esta andaina realizarase no castelo de Sobroso, onde se lles explicará ás e aos participantes a historia, a orixe, a importancia, os momentos clave, as batallas e as persoas relevantes vinculadas a esta edificación histórica. Tamén se lles describirá ás persoas asistentes como se vivía no antigo asentamento do castro de Troña.

O principal obxectivo do programa "Depo Andainas" é a promoción do deporte e o turismo, poñéndose o foco, na edición deste ano, na posta en valor do patrimonio da provincia de Pontevedra. Así, a iniciativa da Deputación ofrece actividades gratuítas que impulsen hábitos saudables, pero que tamén promovan o territorio, promocionen o turismo e impulsen a preservación do medio ambiente da provincia. Nesta edición, o protagonismo do programa recae nas actividades transversais asociadas ao patrimonio, coa intención de que as persoas participantes poidan coñecer mellor a riqueza histórica, cultural e paisaxística da provincia.

A primeira das andainas tivo lugar en maio no concello das Neves e na que as persoas participantes percorreron o quilómetro cero da vaga de lumes do pasado outubro. A segunda, que se desenvolveu en xuño entre Moaña e as Cíes, terá a súa continuación este domingo no Condado. O programa continuará en setembro na serra do Candán e concluirá en outubro en Gondomar.