31 estudantes de FP da provincia viaxan a Italia, Malta, Portugal e Irlanda na primeira mobilidade do Practicum Depo 2021

A Deputación arranca hoxe a primeira quenda desta nova edición do programa na que participa alumnado de nove centros educativos da provincia

28/03/2022

Practicum Depo  

Un total de 31 estudantes de FP viaxan desde hoxe a Italia, Malta, Portugal e Irlanda na primeira das mobilidades do programa Practicum Depo 2021, para a que o Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar un investimento de 190.215€. Trátase da primeira quenda da 7ª edición desta iniciativa que a institución provincial desenvolve desde 2015, no marco do Programa Erasmus+ da Comisión Europea, e que permite a persoas tituladas e a docentes de FP realizar estadías no estranxeiro para impulsar a súa  integración no mundo laboral a través de prácticas en empresas e institucións, no caso do alumnado, e para ampliar a súa formación, no do profesorado.

As e os 31 estudantes, 12 mulleres e 19 homes, son os primeiros do total de 90 que viaxan nesta 7ª edición do Practicum Depo, amais de 9 docentes. En concreto, nesta quenda 18 persoas terán como destino Italia, outras 9 Malta, 3 irán a Portugal e 1 a Irlanda. A duración media das prácticas é de 140 días e  as e os beneficiarios percibirán axudas que oscilan entre os 3.918€ e os 7.518€, xa que o importe individualizado das bolsas vén determinado polo país de destino e a propia duración da mobilidade, calculados en cada caso segundo as directrices establecidas polo Programa Erasmus +.

O obxectivo destas bolsas é proporcionarlles apoio económico para facer fronte aos gastos de aloxamento, manutención, viaxe e transportes locais derivados da realización das prácticas laborais, que buscan facilitarlles a transición do ámbito da educación e a formación ao mercado laboral. Deste xeito, as persoas participantes poden reforzar con estas estadías no estranxeiro as competencias vinculadas ao seu perfil profesional e adquirir experiencia, mellorando así as súas expectativas laborais

O alumnado desta quenda procede de 9 centros educativos da provincia: o CPR San Fermín (Caldas), 1 persoa a Portugal; o IES Plurilingüe Pintor Colmeiro (Lalín), con 6 persoas que participarán da mobilidade, 4 irán a Malta, 1 a Italia e 1 Portugal; o IES Chan do Monte (Marín), con dúas persoas que irán a Portugal e Italia; o IES de Poio, 3 persoas a Italia; o CIFP A Xunqueira (Pontevedra), con dúas persoas que viaxarán a Malta; o IES A Xunqueira I (Pontevedra), cunha persoa a Italia; o IES Pedro Floriani (Redondela), con dous estudantes que irán a Malta; a Congregación Misionera Divino Maestro (Vigo), con 7 persoas, das que 5 irán a Italia, 1 a Malta e 1 a Irlanda, e o CPR San Miguel (Vigo), do que 7 estudantes viaxan a Italia.

En canto á formación académica, as e os participantes proceden na súa maioría do ciclos medios de Formación Profesional de Coidados Auxiliares de Enfermería (9), estudantes de Condución de Actividades Físico-Deportivas no Medio Natural (9), Telecomunicacións (7), Xestión Administrativa (3), Sistemas Microinformáticos e Redes (1), Informática Básica de Oficina (1) e Operacións de Laboratorio (1).

Balance

Esta VII edición de Practicum Depo ten cun orzamento total de 1.074.013 €, 911.037 € son achegados polo Servicio Español para la Internacionalización de la Educación (SEPIE), en calidade de axencia nacional española do Programa Erasmus, e 162.976,40€ pola Deputación. O programa, desde a súa posta en marcha en 2015, suma xa un investimento de máis de 6 millóns de euros e beneficiáronse case 600 persoas (576).

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.