Noticias

A actriz cambadesa Cristina Balboa enche o IES Ramón Cabanillas de ironía, música e reivindicación na súa acción do programa da deputación "Violencia Zero"

"O que queremos é construír unha sociedade onde todas e todos poidamos vivir en espazos de igualdade, sen que ninguén nos poña obstáculos por ser muller", dixo Carmela Silva


20 febreiro 2019

"Despois de corenta anos de democracia, son a primeira muller que preside unha administración provincial en Galicia. Se as mulleres somos máis da metade de poboación e somos case o 60% das tituladas universitarias, por que non chegamos aos órganos de goberno e de dirección?". Con esta reflexión comezou esta mañá a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a posta en escena dunha nova acción artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que se desenvolveu no IES Ramón Cabanillas de Cambados. Ao acto tamén asistiu a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal e a deputada provincial Digna Rivas.

Silva expúxolles ás rapazas e rapaces deste instituto cambadés a realidade das mulleres hoxe en día, "cando somos maioría en rematar estudos universitarios, somos maioría traballando na sanidade, pero algo non funciona ben cando non somos capaces de estar na metade das cousas". A presidenta provincial quixo así que a rapazada, con datos reais, reflexione sobre a situación real da igualdade entre homes e mulleres hoxe en día, "e o que é peor, porque ademais de non ter a igualdade, por encima as mulleres sufrimos todo tipo de discriminacións con comentarios machistas, situacións discriminatorias, e algo moito máis grave, violencia física con malos tratos, violacións ou asasinatos polo simple feito de ser mulleres".

A presidenta da Deputación explicou que para visibilizar esta problemática xurdiu o programa "Mulleres en Acción.Violencia Zero", que o que pretende é reflexionar sobre a situación real que viven as mulleres hoxe en día e sobre a necesidade de rematar coas violencias machistas. "O futuro é de todas e todos e vós sodes a clave para mudar esta terrible sociedade", dixo Silva despois de repasar os terribles datos de mulleres asasinadas este ano, lembrando os seus nomes e o xeito no que foron asasinadas. No que vai de 2019, 9 mulleres foron asasinadas fronte ás 4 do ano pasado por estas datas.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cambados coincidiu coa presidenta en salientar aos mozos e mozas como "clave para rematar con esta lacra machista. Esta matanza contra as mulleres ten que rematar. Isto só o podemos cambiar coa educación e traballando dende a base. Vós sodes o futuro e por iso é importante que participedes en actividades coma esta, que poñen o foco na violencia machista coa que temos que rematar".

Ante a comunidade educativa do IES Ramón Cabanillas de Cambados, a artista Cristina Bravo escenificou a acción artística "O que segue", na que fixo unha reflexión de diferentes episodios de violencia que todas e todos vivimos dende a infancia. Comezou por unha improvisación sonora e despois a artista cambadesa escenificou un texto lembrando as distintas etapas polas que pasa unha muller nas que vai vendo o que é "a violencia normal" na escola, coas amizades ou noutros lugares. A acción artística rematou coa participación de rapaces e rapazas na posta en marcha dun xogo, no que Cristina Balboa quixo poñer de manifesto que a mellor solución para resolver os conflitos "é darnos a man e dialogar. Así gañamos todas e todos".

A iniciativa de hoxe en Cambados foi a oitava acción artística desta cuarta edición de "Mulleres en Acción. Violencia Zero", que comprende un total de 25 intervencións artísticas en 25 concellos da provincia. Este programa é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra, a través da área de Igualdade, para levar accións artísticas a espazos públicos nas que implicar á cidadanía na loita contra as violencias machistas e contra as desigualdades entre homes e mulleres. Ao longo do ano, reúne o traballo de 25 mulleres artistas especialistas en diferentes artes como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas pola vontade de ofrecer, na súa obra, un firme discurso en favor da igualdade e en repulsa da violencia machista.

A vixente cuarta edición comezou o pasado novembro en Vigo e en Pontevedra. En total, serán 25 accións en 25 concellos da provincia: Vigo, Pontevedra, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vilaboa, Mos, Ponte Caldelas, Cambados, Vilagarcía de Arousa, Barro, Lalín, O Grove, Silleda, Tomiño, Poio, As Neves, A Illa de Arousa, Baiona, Cangas, A Guarda, Forcarei, Gondomar, Cuntis, Meis e Nigrán. Nas catro edicións que leva este programa téñense realizado 85 accións artísticas e teñen participado máis de 100 artistas.

Fotos