Noticias

A atención de emerxencias da Deputación de Pontevedra, modelo para a Deputación de Segovia

Representantes da institución segoviana visitaron hoxe a Deputación para coñecer a experiencia do Consorcio Provincial Contra Incendios que comezou a operar en xuño cun modelo de xestión 100 % pública, máis eficiente e sostible


06 xullo 2021
A atención de emerxencias

O Consorcio Provincial de Emerxencias, adscrito á Deputación de Pontevedra, é un dos modelos que a Deputación de Segovia está a estudar de cara a implantación deste servizo no territorio da provincia castelá-leonesa. Unha delegación segoviana encabezada polos deputados Basilio del Olmo e Óscar Moral mantivo unha xuntanza co deputado Carlos Font, para coñecer o funcionamento operativo e organización administrativa en Pontevedra provincia. Unha vez rematada a xuntanza, que tivo lugar na sede provincial en Vigo, a comitiva desprazouse ao parque do Porriño para coñecer instalacións, equipamentos e capacidade de resposta sobre o terreo.

Carlos Font explicou os detalles dun servizo que este mes de xuño comezou a funcionar coa xestión directa e pública, un cambio de modelo que fixo unha clara aposta por unha maior sostibilidade e eficiencia. Este cambio supuxo a subrogación do persoal con carácter indefinido non fixo ou interinidade ata a cobertura definitiva dos postos. O deputado destacou as vantaxes do novo modelo de xestión 100 % pública, con respecto ao que existía en anteriores etapas cando o Consorcio foi creado coa fórmula de concesión administrativa en favor de empresas privadas.

O deputado detallou as especificidades da atención ás emerxencias nun territorio densamente poboado e cunha alta dispersión, como é o da provincia de Pontevedra. Así concretou que o Consorcio conta cun orzamento anual de 3.819.700 euros e dispón de catro parques, situados en O Porriño, Bueu, Ribadumia e Vilagarcía de Arousa. A atención compleméntase co Consorcio comarcal de Deza-Tabeirós-Terra de Montes, con base en Lalín e dotado cun orzamento de 1.027.359 euros. Ámbolos dous están coparticipados ao 50 % pola Deputación e a Xunta de Galicia.

A delegación segoviana, ademais dos deputados de Acción Territorial e de Economía e Facenda, Basilio del Olmo e Óscar Moral, estivo integrada pola arquitecta provincial, o xefe do servizo de Arquitectura e o xefe do Gabinete técnico. Na visita, ademais dos aspectos organizativos e xurídicos dos consorcios de emerxencias da provincia de Pontevedra, puideron comprobar os requirimentos técnicos de cara a construción dun parque de ámbito supramunicipal como o do Porriño.