Noticias

A campaña de igualdade da Deputación de Pontevedra estará na Feira Tradicional de Caldas de Reis

O material da iniciativa "Lembra! Eu decido, ti respectas" poderá recollerse no punto morado durante toda a xornada deste domingo


08 agosto 2019
Campaña contra as agresións sexuais

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, estará presente este domingo día 11 na Feira Tradicional de Caldas de Reis. O evento, que organiza o Concello, dará contido ao día grande das festas patronais de San Roque na vila termal.

A Feira, que chega á súa oitava edición, contará cun punto morado de información sobre as violencias machistas e con material institucional da campaña  de "Lembra, eu decido, ti respectas", dirixidas tanto a mozas como a mozos. Estará situado no Xardín Botánico entre as 11:00 e as 22:30 horas. O obxectivo volve ser o de concienciar a poboación máis nova da importancia das relacións en igualdade e, para iso, repartiranse elementos explicativos nos que se mostran con claridade os límites ante posibles agresións, facendo fincapé en que son un delito, e recalcando a negativa a calquera intento de culpar as vítimas.

A Feira Tradicional abrangue toda a xornada do domingo e inclúe unha ruta cabalar pola mañá, unha degustación de carne de caza, un xantar popular na carballeira e diversas actividades para nenas, nenos e maiores. O prato forte chega coa actuación de Treixadura.

A campaña "Eu decido, ti respectas" comezou o verán pasado en todo os festivais #RíasBaizasFests, e posteriormente, a institución provincial ofrecéullela aos concellos que a soliciten para todo tipo de eventos multitudinarios.