Noticias

A Cañiza estrea o seu parque central cun singular espazo público de convivencia para a veciñanza con achegas do Plan de Reequilibrio e do Plan Concellos

Carmela Silva: "Espazos como este marcan unha forma de cambiar, apostar e construír e son unha mostra da transformación que estamos a facer na provincia para que todas as persoas poidan gozar de servizos vivan onde vivan"


07 abril 2021
A Cañiza estrea o seu parque central cun singular espazo público de convivencia para a veciñanza

O Concello da Cañiza acaba de gañar un novo e moderno espazo público de convivencia para a veciñanza co novo Parque Central, unha obra que supón unha auténtica transformación na vila e que foi financiada con achegas do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde do municipio, Luis Gómez Piña, acompañados do deputado de Cooperación, Santos Héctor, e da Corporación municipal, estiveron hoxe na estrea oficial deste equipamento no núcleo central do concello, que cumpre coa filosofía da institución provincial de recuperar espazos para a cidadanía.

Carmela Silva, destacou que este emblemático parque  "vai ser un lugar de encontro" e destacou o feito de que a placa conmemorativa cite "que é un lugar de convivencia, porque iso tamén marcha unha forma de transformar e construír concellos; ter lugares de reunión onde a xente se poida atopar e convivir. Iso crea un modelo de sociedade". Abundou en que a obra "é unha mostra da transformación que estamos a facer en toda a provincia". "Transformación –dixo– que vai garantir que toda a xente teña dereitos e servizos viva onde viva. E por fomentar que o espazo público sexa recuperado para as persoas, para que poidan gozar de todos aqueles equipamentos que fan que se sintan máis felices de vivir nun lugar. Son das convencidas de que a única posibilidade de manter a poboación en todo o territorio é garantir que todas as persoas poidan ter aqueles servizos que se demandan no século XXI".

A obra do novo parque que, como indicou o alcalde, Luis Piña, tivo un orzamento en torno aos 415.000 euros, financiouse con fondos do Plan de Reequibrio e do Plan Concellos. Neste senso, Carmela Silva lembrou tamén que na Cañiza a Deputación tamén ten investido a través do Plan DepoRemse e na modernización das infraestruturas provinciais "que están no concello ou o conectan con outros". "Este investimento –engadiu a presidenta– foi unha boa decisión, porque crea un plan, un espazo para a xente. Pero quería dicirlles ás veciñas e veciños que isto non remata aquí, xa que imos a facer un esforzo moi importante durante o ano 2021 e 2022 para mobilizar a economía en toda a provincia de Pontevedra. Somos moi conscientes de que esta pandemia global xerou moitas dificultades á economía e moi particularmente aos concellos con menos recursos. Polo tanto, imos tomar decisións para seguir apoiando aos concellos e A Cañiza terá a axuda da Deputación como tivo ata agora".

Pola súa banda, o alcalde destacou que o Parque Central "é un lugar de convivencia e de lecer e un punto céntrico para desfrute do conxunto da veciñanza", unha obra que como dixo "vai na liña da filosofía da propia Deputación de humanizacións e espazos onde a cidadanía gañe zonas para convivir e desfrutar". O rexedor agradeceu a presencia de toda a Corporación, recordando que esta infraestrutura naceu co apoio unánime de todos os grupos, e destacou que puido financiarse grazas ás achegas da institución provincial, en concreto do Plan de Reequilibrio, "que nacía coa intención de corrixir o déficit inversor da Deputación nos anos anteriores con respecto ao noso termo municipal" e o Plan Concellos. Para Piña, este é "un instrumento fundamental na actuación municipal no conxunto da provincia e, na Cañiza, aquelas actuacións que se viron nos últimos anos teñen todas o selo do Plan Concellos. Este parque hoxe existe porque ti Carmela estás á fronte da Deputación e porque dalgunha maneira implantaches a filosofía do Plan". Por último, o alcalde quixo ter un recoñecemento para unha veciña da zona, Inocencia Pérez, que facilitou ao Concello de xeito gratuíto un terreo da súa propiedade e que recentemente faleceu a consecuencia da pandemia.

O proxecto do Parque Central consistiu na urbanización e desenvolvemento da zona verde, limítrofe con outro parque, o Doutor Heriberto Fuentes, cunha superficie de 4.429 metros cadrados. Habilitouse unha nova zona de ocio, xogos e descanso, con diferentes áreas interconectadas para xogos infantís e xuvenís, zona deportiva, espazos verdes e xardíns. A actuación artellouse en base a elementos circulares, que acollen cada unha das citadas zonas, e serven de estabilizadores da topografía, e o conxunto completouse coa dotación dunha estrutura de xardíns e arboredo. O proxecto contemplou tamén a rehabilitación do hórreo existente e dotouse ao recinto dos servizos de saneamento, drenaxe e iluminación.

Fotos