Noticias

A comarca de Vigo acollerá en setembro 19 novas accións formativas do programa "SmartPeme"

Sete dos cursos realizaranse en Vigo, mentres que en Ponteareas e O Porriño se desenvolverán seis obradoiros


01 setembro 2019
SmartPeme

As oficinas do programa "SmartPeme" da Deputación de Pontevedra en Vigo, Ponteareas e O Porriño desenvolverán durante este mes de setembro un total de 19 accións formativas para a adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes co obxectivo de aumentar a súa competitividade. Deste xeito, "SmartPeme" ofrécelles ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man das propias implicadas e implicados e coa colaboración das asociacións de empresarias e empresarios e de mozas e mozos autónomos.

A sede da Deputación en Vigo (rúa Oporto, 3) acollerá os obradoiros Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, que terá lugar o xoves 5 de setembro das 18 ás 21 horas; Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, o martes 10 de setembro de 19 a 21 horas; Emprendemento: Oportunidades e Ferramentas, o xoves 12 de setembro das 19 ás 21 horas; Inbound márketing, o martes 17 de setembro das 19 ás 21 horas; O teu Contido Efémero: Stories en Facebook e Instagram, o xoves 19 de setembro, desde as 19 ás 21 horas; Responsabilidade Social Corporativa para Pemes, Persoas Autónomas e Emprendedoras, o martes 24 de setembro das 19 ás 21 horas, e Promoción e Comercialización de Actividades Turísticas en Liña, o xoves 26 de setembro das 17 ás 19 horas.

En Ponteareas, as accións realizaranse no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro, 5, Ribadetea). Comezarán o xoves 5 de setembro con Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Anaylitics, que terá lugar desde as 18 ás 21 horas, e continuarán o 10 de setembro con Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, que se desenvolverá das 19 ás 21 horas. O resto dos obradoiros son os seguintes: Vende os teus Produtos en Facebook e Instagram, o xoves 12 de setembro das 19 ás 21 horas; Apps de Edición: Sácalle Partido ao teu Instagram, o martes 17 de setembro das 18 ás 21 horas; Como Utilizar Instagram para Promover a túa Empresa, o xoves 19 de setembro das 19 ás 21 horas, e Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, que terá lugar o martes 24 de setembro, das 17 ás 19 horas.

Por outra banda, no Porriño as accións formativas serán Mellora o Impacto da túa Web Grazas a Google Analytics, o martes 3 de setembro das 18 ás 21 horas; Mellora o teu Posicionamento Web con Google Search Console, o xoves 5 das 19 ás 21 horas; Vídeo co teu Smartphone: Crea, Grava e Edita como un Profesional, o martes 10 de setembro das 18 ás 21 horas; Xestión e Comercialización de Vivendas e Apartamentos Turísticos, o martes 17 de setembro das 17 ás 19 horas; Experiencias SmartPeme: Grupo Drongal, o martes 24 de setembro, das 19 ás 21 horas, e Era unha Vez o Cliente: da Captación á Fidelización, o xoves 26 de setembro das 19 ás 21 horas. Estes obradoiros desenvolveranse no Multicentro do Concello do Porriño (Ribeira, s/n, Torneiros).

As inscricións para tomar parte nestas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico info.smartpeme@depo.es ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal.