Noticias

A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na última "Depoandaina", que percorrerá Gondomar

As inscricións, cun límite de 300 prazas, estarán abertas ata o mércores 10 de outubro


10 setembro 2018

A Deputación de Pontevedra abriu este luns o prazo de inscrición para as persoas interesadas en participar na última quenda da terceira edición do programa gratuíto "Depoandainas", organizado pola institución provincial.

Esta nova actividade consistirá nunha ruta de dificultade media e cun percorrido de 12,4 quilómetros que partirá do casco urbano de Gondomar para visitar algúns dos atractivos do municipio do Val Miñor.

Esta última cita das "Depoandainas" ten como punto de saída o centro da localidade desde onde a ruta discorrerá ata o paseo fluvial, no que se virará cara a ponte das Ánimas seguindo o curso do río ata chegar á aldea de Rasas, onde comezará unha subida. Alí poderanse observar numerosos muíños ata chegar a Couso e a súa igrexa. A partir deste punto comezarase a baixada, seguindo os regatos e volvendo ao punto de partida.

Esta ruta ten, como actividade complementaria, un pequeno obradoiro sobre sendeirismo no que se explicarán as sinalizacións máis habituais, o seu significado, o grao de dificultade, como interpretalas e os consellos e precaucións a seguir á hora de facer unha ruta.

O prazo desta "Depoandaina" permanecerá aberto, cun límite de 300 prazas, ata o vindeiro mércores 10 de outubro a través dun formulario web.