Noticias

A Deputación de Pontevedra abre o prazo de inscrición para o IV Encontro Provincial pola Inclusión

O evento terá lugar os días 28 e 29 de outubro nas dependencias do Sexto Edificio do Museo Provincial e no Centro Príncipe Felipe


20 outubro 2019
IV Encontro pola Inclusión

A Deputación de Pontevedra abriu o prazo de inscrición para o IV Encontro Provincial pola Inclusión, que terá lugar o 28 de outubro, no Sexto Edificio do Museo Provincial e o día 29 no Centro Príncipe Felipe. Estas xornadas formativas contan con prazas limitadas e están orientadas a profesionais do eido, que terán prioridade á hora de rexistrarse en canto á orde de inscrición.

A cita será presencial e gratuíta e as persoas inscritas deberán asistir á totalidade do evento. Así, todos aqueles que o desexen poden encher o formulario de matrícula a través da páxina web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal/encontro-pola-inclusion/formulario).

O primeiro dos días que conforman a cita será a xornada técnica e, polo tanto, estará máis enfocada a profesionais dos eidos relacionados co traballo, a educación e a integración social, así como a persoal técnico de entidades de iniciativas sociais e sociosanitarias, de áreas como Mobilidade, Urbanismo e Obras dos concellos e a persoas con interese en estratexias de inclusión, sensibilización e diversidade. A xornada constará de tres mesas: "Inclusión educativa: como promover a interacción entre iguais en nenos e nenas", "Xuventude e diversidade funcional: desafíos para a vida independente" e "Avellentamento en persoas con diversidade funcional: calidade de vida". O horario deste día será de 9:30 a 13:30 horas.

O Centro Príncipe Felipe acollerá a xornada de convivencia do martes 29 de outubro. De 10:00 a 11:00 horas as persoas inscritas poderán explorar as exposicións artísticas de cinco asociacións provinciais. Posteriormente, terá lugar un obradoiro Bailoterapia e o espectáculo Conversas con Tana, a cargo do actor, humorista, músico e ventrílocuo Al Guanella. Esta xornada, que pretende impactar de xeito específico ás persoas relacionadas con organizacións e entidades que desenvolvan a súa labor no campo da inclusión, rematará ás 13:00 horas.

Unha das principais finalidades deste encontro organizado pola Deputación de Pontevedra é reflexionar e resaltar o papel e o esforzo das persoas con diversidade funcional, ademais de dar visibilidade ao traballo que desenvolven neste ámbito diferentes entidades da provincia de Pontevedra. Entre os obxectivos que se procuran están a creación dun espazo de aprendizaxe, intercambio e inspiración que promova a igualdade e a inclusión das persoas con calquera tipo de diversidade funcional e a mostra de novas formas de participación capaces de crear unha sociedade diversa que lle dea voz a todas as persoas.