Noticias

A Deputación abre o pano para celebrar o Día Mundial do Teatro a vindeira fin de semana con dúas funcións na rúa en Pontevedra e Vigo

Co lema "A Depo inspira teatro", os exteriores das sedes provinciais acollerán o venres e o sábado as funcións das compañías Galeatro, en Pontevedra, e de Inventi Teatro, en Vigo


22 marzo 2021
Día Mundial do Teatro

Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o próximo 27 de marzo a Deputación de Pontevedra volve abrir o pano para sacar a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán este venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes. Deste xeito e baixo o lema "A Depo inspira teatro", a Deputación súmase á conmemoración desta xornada co fin de darlle visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público. Faino collendo aire e levantando de novo o pano con dúas representacións a cargo de Galeatro e Inventi Teatro, dirixidas a todos os públicos e que se poderán seguir tanto na rúa coma en streaming

As fachadas do Pazo provincial e da sede viguesa da Deputación engalanaranse cun enorme pano veneciano en cor vermella que enmarcará ambas as representacións, que se desenvolverán co estrito protocolo anti-COVID da institución nos seus actos culturais. Deste xeito, a capacidade está limitada a cen persoas no exterior do Pazo e a trinta no caso de Vigo. No caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao salón de plenos e á sala Rosalía de Castro, con capacidade de 40 e 30 persoas, respectivamente. Debido a estas restricións, para asistir aos espectáculos as persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal  (cun máximo catro reservas por persoa).  

A primeira función corrertá a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra Muiñada, o venres 26, ás 18 horas, en Pontevedra. Trátase dunha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe  unha viaxe ao pasado para as nenas e nenos de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia de "Muiñada" protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as nenas e nenos e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia. Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo e está especializada en público familiar. Compaxina o súa labor como produtora teatral coa formación en centros de ensino e diferentes concellos da provincia da Coruña.

O sábado 27 de marzo, en Vigo, a compañía Inventi Teatro representará no exterior da sede provincial no Casco Vello, a partir das 12 horas, a obra A tropa do doutor Milagre. É un espectáculo de rúa para todos os públicos con música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia e maxia. O protagonista da historia, un médico-inventor agoniado polas débedas e impulsado por unha necesidade imperiosa de facer fortuna, toma unha arriscada decisión: facerse cun autobús abandonado para convertelo nun auténtico show de venda ambulante. Para esta aventura estará acompañado do seu fiel axudante, o pequeno Miñoca e a exuberante Madame Bobarí.  A dirección da obra corre a cargo de Inventi Teatro e estaá protagonizada por  Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal.

Esta compañía naceu no 2017 en Vigo da man do citado elenco, co obxectivo de crear espectáculos de rúa divertidos, visuais e para toda a familia. A tropa do doutor Milagre foi a súa primeira montaxe, e levan con ela máis de 50 actuacións por toda Galicia, ademais de participar con esta obra en certames coma o Festival Internacional de Artistas de Rúa de Redondela, a MIT de Ribadavia ou Itineranta en Pontevedra.