Noticias

A Deputación de Pontevedra acelera a obra de Concepción Arenal na Guarda para finalizala neste mes de xuño

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o obxectivo é cumprir co prazo de que a rúa estea operativa a principios de verán


07 xuño 2019
Obra Concepción Arenal A Guarda

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a acelerar a obra de mellora da rúa Concepción Arenal da Guarda para finalizar a reforma neste mes de xuño. Así o indicou hoxe o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, quen destacou que o obxectivo é manter o prazo marcado inicialmente de que a rúa estea operativa e aberta a primeiros de verán.

Segundo dixo Benítez, nestes momentos toda a vía está practicamente formigonada, salvo unha pequena área prevista para o vindeiro luns. A dirección de obra indica, de feito, que aínda que queda por finalizar a praza Avelino Vicente e a colocación da iluminación, estes traballos poderían estar listos sen problema antes de que remate o mes, permitindo a apertura á circulación rodada a falta de pequenos remates de mobiliario urbano. Deste xeito, a veciñanza da vila podería gozar da nova imaxe da vila a principios do verán.

A nova imaxe de Concepción Arenal supón un cambio integral con respecto á vella rúa, que contaba con beirarrúas estreitas e pouco accesibles. De feito, o obxectivo da actuación era recuperar o espazo público para veciñas e veciños deixando claro que a circulación peonil é a prioritaria aínda que se mantén a convivencia co tráfico rodado.

Agora a estrada conta cunha plataforma única na que o espazo destinado aos peóns ampliouse considerablemente, estando definido por lousas de ecogranit de cor pardo e aceiro cortén. A zona de tránsito de vehículos está feita de formigón gris cun claro carácter desestruturado co fin de que os vehículos reduzan o paso e a súa velocidade sexa calmada en todo o ámbito da rúa.

Hai que lembrar que a reforma de Concepción Arenal non só se cinguiu á súa imaxe externa, senón que tamén se renovaron os servizos soterrados, coa instalación de novas tubaxes de augas pluviais –das que carecía a rúa–, que permitirán que a auga da chuvia verta directamente ao mar en lugar de ter que pasar pola depuradora, quedando esta liberada dun grande volume de líquido que non precisaba de tratamento.

As obras de reforma integral da rúa Concepción Arenal (EP-3401 de acceso ao porto) comezaron o mes de setembro de mans da empresa Obras, Reformas e Saneamentos SL. A titularidade da rúa pasará da Deputación ao Concello unha vez rematada a obra.