Noticias

A Deputación achega 20.000 euros á AFAPO para financiar o programa de terapias non farmacolóxicas das persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias

O obxectivo é que as persoas doentes poidan manter a súa autonomía funcional o máximo tempo posible e melloren a súa calidade de vida, proporcionando ás súas coidadoras e os seus coidadores un momento de respiro


19 xullo 2021
AFAPO

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou a sede de AFAPO, (Asociación de Familiares de persoas enfermas de Alzhéimer e outras demencias da provincia de Pontevedra), coa que a Deputación colabora cunha achega de 20.000 euros para a posta en marcha de terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia.

O programa de terapias non farmacolóxicas para pacientes con demencia trátase dun proxecto anual, que se vén repetindo nos últimos anos sempre da man da Deputación de Pontevedra. Os seus principais obxectivos céntranse en dar resposta ás necesidades que presenta a poboación con deterioro cognitivo, achegando actividades para rehabilitar ou enlentecer a progresión da enfermidade. A través do programa búscase que as persoas doentes poidan manter a súa autonomía funcional o máximo tempo posible, axudándoas a mellorar a súa autoestima, mellorar a súa calidade de vida e proporcionarlles ás súas coidadoras e os seus coidadores un momento de respiro.

Esta iniciativa de AFAPO que financia a Deputación abrangue obradoiros de estimulación cognitiva, obradoiros de terapia ocupacional e de smartbrain. Nos de estimulación cognitiva desenvólvense actividades para mellorar a eficacia do funcionamento da percepción, atención, razoamento, memoria, linguaxe, cálculo, lectura, escritura ou orientación. Pola súa banda, os de terapia ocupacional céntranse nas capacidades sensoriais, cognitivas e motrices para estimular as actividades produtivas. A través de smartbrain, un innovador sistema interactivo e multimedia, impúlsanse a memoria, linguaxe, cálculo, atención, recoñecemento e capacidades executivas.

AFAPO naceu en 2004 ante a necesidade de atender as demandas dun grupo de familiares afectados polas consecuencias do Alzhéimer e outras demencias mediante a planificación, organización e coordinación de programas e servizos de apoio, así como a través de actividades de sensibilización. Na actualidade é un referente na atención a persoas con demencia de Pontevedra, con 432 socias e socios atendidos na asociación e no centro de día.