Noticias

A Deputación adxudica 28 bolsas de mobilidade do proxecto "Erasmus + Practicum Depo" 2017

Nas 4 edicións do programa, o Goberno de Carmela Silva leva investidos 3,5 millóns de euros para o impulso da mobilidade de case 450 persoas da provincia


24 novembro 2018
Erasmus + Practicum Depo 2017

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a adxudicación de 28 bolsas de mobilidade ao alumnado participante no proxecto "Erasmus + Practicum Depo" 2017 por unha contía que ascende a 170.357 euros. Nesta oitava quenda, que comeza en xaneiro, alumnas e alumnos procedentes de doce centros educativos da provincia viaxarán a Italia, Irlanda, Portugal, Reino Unido, Malta e Finlandia para desenvolver as súas prácticas formativas ao longo de seis meses.

Máis polo miúdo, saen beneficiados catro alumnas e alumnos de Pontevedra (IES Luis Seoane, IES Montecelo e IES Frei Martín Sarmiento), tres de Redondela (IES Chapela, IES Pedro Floriani), oito de Vigo (CPR San Miguel, I.P Marítimo Pesqueiro), oito de Gondomar (IES Terra de Turonio), un ou unha de Salvaterra de Miño, dous ou dúas de Silleda (IES Pintor Colmeiro), unha ou un de Lalín (IES Ramón María Aller Ulloa), e unha ou un de Cangas (IES de Rodeira).

Esta terceira edición ten un orzamento de 700.967 euros e ten por obxectivo impulsar a mobilidade das persoas con motivo da súa aprendizaxe, o que se pretende desde a institución provincial é levar a cabo un programa de mobilidade de estudantes graduadas e graduados en Formación Profesional de ciclos medios para que se poidan formar e facer a súa primeira incursión no mundo laboral para intercambiar experiencias a través de prácticas en empresas e institucións estranxeiras. Desde que a institución provincial puxo en marcha "Practicum Depo" investíronse e estanse a investir máis de 3,5 millóns de euros no impulso da mobilidade de case 450 persoas, entre o alumnado e o profesorado de ciclos formativos, que realizan as súas prácticas profesionais no estranxeiro ou viaxan para coñecer como se imparte a docencia destes niveis educativos noutros países da Unión Europea.