Noticias

A Deputación de Pontevedra adxudica a mellora da mobilidade peonil na EP-4004 en Ponteareas

A presidenta, Carmela Silva, indicou que o proxecto cumpre o modelo da institución provincial "para garantir a accesibilidade, a mobilidade e a seguridade peonil"


19 outubro 2019
Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación acaba de adxudicar as obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4004 no acceso á igrexa de Guláns, en Ponteareas, como anunciou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva. A presidenta explicou máis polo miúdo que este proxecto ascende a preto de 383.000 euros e que, unha vez que están xa adxudicadas as obras, o prazo de execución é de cinco meses. Engadiu que a actuación cumpre o modelo da Deputación de Pontevedra "para garantir a accesibilidade, a mobilidade e seguridade peonil".

Os traballos foron adxudicados á empresa Obras, Reformas e Saneamentos S. L. En concreto, levaranse a cabo nun tramo de case 500 metros da estrada, que dá acceso á igrexa e o cemiterio de Guláns, así como ao colexio Feliciano Barrera, e que na actualidade carecía de elementos de calmado de tráfico e seguridade peonil. O proxecto inclúe unha beiravía na marxe esquerda da estrada, a delimitación de ambos carrís e a realización dun paso de peóns sobreelevado para mellorar a seguridade, así como a dotación de iluminación axeitada.