Noticias

A Deputación de Pontevedra amplía a mellora da mobilidade peonil no núcleo da Chan en Cotobade

A institución cumpre co seu compromiso de conservación na EP-0401 para executar novas beirarrúas a fin de recuperar o espazo público en todo o contorno


07 xullo 2020
Obras en Cotobade

A Deputación de Pontevedra acometerá as obras de actuación para ampliar a mellora da seguridade viaria no núcleo da Chan, no Concello de Cerdedo-Cotobade, coa execución de novas beirarrúas que completan o proxecto de reestruturación do espazo público nesta zona. Coa ampliación, que ten un orzamento de 41.388,03 euros, revalídase o compromiso do Goberno provincial para este tramo de 200 metros da EP-0401 Carballedo-Caroi que discorre polo núcleo de poboación. A Deputación xa remitiu ao concello o documento para ser firmado e levar despois o proxecto a licitación.

Estas obras de conservación teñen como finalidade o aumento da mobilidade peonil nesta zona de tránsito na que se concentran unha serie de equipamentos públicos tales como a casa do concello, o centro de saúde ou entidades bancarias e que dan servizo a toda a poboación do municipio, encadrando A Chan coma o principal núcleo urbano de Cerdedo-Cotobade. Así, se acometerá a reposición e execución de novas beirarrúas que reforcen a mobilidade e a seguridade peonil neste tramo da estrada.

A actuación completa o proxecto de recuperación feito tras o convenio de colaboración co concello que tivo un investimento inicial de máis de medio millón de euros (519.326,14 euros), e que permitiu reformar todo o contorno da praza da Chan, en Carballedo, e da capela de San Roque. Así, mediante o calmado do tráfico coa habilitación dunha área de aparcamento, a ampliación da praza cunha vía de plataforma única e o redeseño do contorno da capela de San Roque, foi posible a transformación e recuperación do espazo público, un dos obxectivos da Deputación no seu modelo de mobilidade segura e sostible. O 70 % do orzamento foi financiado pola Deputación e o 30 % polo Concello.