A Deputación ampliará o prazo das obras de humanización de Portonovo para que o Concello de Sanxenxo non perda unha subvención de 500.000 euros

O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recibiu ao alcalde, Telmo Martín, e remarcou que a Administración provincial “escoita aos concellos e ponse do seu lado cando hai dificultades como a folga de transportes ou a crise dos materiais”

15/09/2022

Alcalde de Sanxenxo e Santos Héctor

A Deputación dará facilidades ao Concello de Sanxenxo para que poida completar as obras de humanización da contorna de Portonovo sen perder a subvención de 500.000 euros concedida con cargo ao plan provincial de mellora da seguridade en vías municipais (DepoRemse) para unhas obras cun orzamento total de 833.633 euros. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, recibiu hoxe ao alcalde, Telmo Martín, quen explicou as circunstancias que impediron rematar no prazo fixado no convenio coa Deputación e solicitou unha prórroga de dous meses, ata finais de outubro.

A Administración provincial valora así as extraordinarias circunstancias que rodean a execución en Sanxenxo, dado que o convenio polo que a Deputación financia o 60% do orzamento asinouse en xaneiro de 2021 e a obra comezou en abril dese ano. O ritmo de execución viuse ralentizado por factores como a folga do transporte, as dificultades derivadas da elevada presencia de turistas na zona durante o verán, os problemas de fabricación dunha lousa especial e, en xeral, pola crise de materiais e subministracións. Santos Héctor comunicou que a prórroga deberá aprobarse no Pleno provincial, pero adiantou a vontade do Goberno de sacala adiante. “A Deputación”, afirmou, “remarca a súa vontade de lealdade institucional e cooperación con tódolos concellos como unha Administración provincial que non só transfire recursos récord, a que máis de toda España, senón que tamén sabe escoitalos e poñerse do seu lado diante das dificultades” como  as sobrevidas neste caso. “Somos unha Administración municipalista, que aposta por esta provincia como un todo, e demostrámolo sempre, goberne quen goberne”.

A obra permitirá a reurbanización completa da contorna do colexio de Portonovo, é dicir da rúa Areal, a travesía do mesmo nome e a rúa do Espiñeiro, na contorna do Mercado de Abastos, reemprazando as estreitas beirarrúas existentes por amplos espazos peonís, con novo mobiliario urbano e arborado. O tráfico queda resolto cun carril único que, ao redor da praza do Mercado estará pavimentado en lastro. Ademais a explanada do aparcamento quedará integrada esteticamente deixando atrás o asfalto para contar con pavimento de celosía de lousa-xardín.Renóvanse os servizos de abastecemento, saneamento e iluminación, con tecnoloxía led, e telecomunicacións e electricidade.

O plan DepoRemse, que foi o primeiro gran plan provincial pensado para gañar espazo público para as persoas nas contornas urbanas, permitiu a execución de 32 obras noutros tantos concellos de toda a provincia. O plan repartiu un investimento total de 11 millóns de euros en base á convocatoria, con bases regradas e á adxudicación con criterios obxectivos, como é norma na Deputación en tódolos plans de equipamentos e dotacións municipais.