Noticias

A Deputación apaga este sábado a iluminación dos seus edificios para sumarse ás iniciativas da Rede Española de Cidades polo Clima con motivo da COP25

A apagada do alumeado terá lugar entre as 20 e as 20:30 horas para visibilizar a necesidade de asumir compromisos e de cumprir os ODS e os retos da Axenda 2030


06 decembro 2019
Deputación de Pontevedra

A apagada do alumeado dos edificios da Deputación de Pontevedra (este sábado, 7 de decembro, entre as 20 e as 20:30 horas) será a primeira das iniciativas que vai desenvolver a institución provincial ao abeiro do Cumio Mundial do Clima. A través desta actuación, proposta pola Rede Española de Cidades polo Clima, a Deputación pretende visualizar a necesidade de asumir compromisos para cumprir os ODS e os retos da Axenda 2030.

Xunto a esta primeira acción, a Deputación de Pontevedra participará tamén no Cumio Mundial do Clima en Madrid, na que foi convidada para falar sobre os retos dos gobernos locais fronte ao cambio climático. Así, o día da clausura do Cumio (13 de decembro) a presidenta Carmela Silva participará nunha xornada inaugurada pola ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, e o presidente da FEMP, Abel Caballero. Nesta xornada intercambiará reflexións sobre os compromisos internacionais dos gobernos locais coa alcaldesa de Toledo e vicepresidenta da FEMP (Milagros Tolón), o alcalde de Sevilla (Juan Espadas), o alcalde de Zaragoza (Jorge Azcón), a alcaldesa de Canyelles, en Barcelona (Rosa Huguet), o alcalde de Soria (Carlos Martínez) e a alcaldesa de Xixón (Ana González).

A Deputación, tamén ao abeiro do Cumio, vai lanzar novas actuacións que responden ás propostas lanzadas pola Rede Española de Cidades polo Clima. Neste eido vai promover unha marcha popular polo clima en Pontevedra e Vigo e plantar unha árbore nun municipio da provincia no marco da campaña #UnÁrbolPorEuropa.

O compromiso co medio ambiente e a transición ecolóxica, xunto coa igualdade,  son as grandes áreas protagonistas do mandato de Carmela Silva. Tal e como explicou a presidenta, son moitas xa as iniciativas encamiñadas baixo a premisa de "mudar o global desde o local, dirixindo esforzos a darlles cumprimento aos ODS e aos retos da Axenda 2030".