Noticias

A Deputación aproba achegas por 66.000 euros para o Concello de Barro ao abeiro do Plan Concellos 2020

As subvencións están destinadas á mellora da pavimentación na parroquia de Portela e á adquisición dunha rozadoira a través da Liña 1 de Investimentos


11 abril 2020
Plan Concellos

A Deputación de Pontevedra aprobou por resolución presidencial a concesión de dúas achegas de cerca de 66.000 euros para o Concello de Barro ao abeiro da Liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2020 que financia a institución provincial.

Máis polo miúdo, o concello solicitou a financiación agora aprobada para a mellora da pavimentación na parroquia de Portela e para a adquisición dunha rozadoira de brazo lateral para o tractor municipal. No primeiro caso, a contía da achega é de 48.352,76 €; mentres que para a compra do devandito equipamento a subvención é de 17.545 €.

A pavimentación prevista na parroquia de Portela realizarase nos lugares de Cancela e A Estación e os traballos servirán para estabilizar as estradas, que presentan tramos moi deteriorados, polo que se prevé realizar unha limpeza e reposición de firme con pavimento asfáltico sobre o existente sen alterar o trazado das vías. A superficie afectada é de 4.362 metros cadrados. Por outra banda, a adquisición dunha nova rozadoira con brazo lateral para adaptar ao tractor municipal mellorará o servizo de limpeza e desbroza das vías municipais do concello.

Hai que destacar que este ano Barro ten á súa disposición 432.837,97 euros, correspondentes ás tres liñas do Plan Concellos 2020 que financia a Deputación de Pontevedra, cun incremento do 3,4 %. En total, este ano, ao abeiro das tres liñas deste plan, a institución provincial destina aos 59 municipios de menos de 50.000 habitantes (todos os da provincia agás Vigo e Pontevedra) un orzamento de 42,2 millóns de euros. A Liña 1 de Investimentos ten un orzamento de 29,7 millóns.