Noticias

A Deputación aproba as bases de "O teu primeiro emprego" para os concellos da provincia

Este programa de fomento da empregabilidade financia 162 contratacións en prácticas, para 74 municipios de menos de 10.000 habitantes e 88 para de menos de 50.000


10 maio 2019
O teu primeiro emprego

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou a aprobación, en Xunta de Goberno, das bases reguladoras de "O teu primeiro emprego" que beneficiará aos concellos da provincia. Este programa provincial de fomento da empregabilidade substitúe ao antigo Plan de práctica laboral, que converte as becas en contratos en prácticas. "O obxectivo deste proxecto é facilitar que as tituladas universitarias e os titulados universitarios e de ciclos superiores poidan acceder a un primeiro emprego adecuado ao seu nivel de estudos, adquirir experiencia profesional e facilitar a súa inserción no mercado laboral", recordou Silva.

As bases regulan as condicións polas que se rexerá a convocatoria pública para a selección de concellos como entidades colaboradoras e para a determinación das titulacións dos postos de traballo que se van desempeñar baixo a modalidade de contrato en prácticas. "Nos concellos, serán 162 contratacións en prácticas que se distribúen en dous grupos: 74 para concellos de entre 0 e 10.000 habitantes, e outras 88 para os que teñan entre 10.001 e 50.000", e engadiu que o orzamento destinado ao programa ascende a preto de dous millóns de euros (1.944.000 euros).

As solicitudes só se poderán presentar por medios electrónicos a través do formulario normalizado que está dispoñible na sede electrónica https://sede.depo.gal. E o prazo de presentación das solicitudes por parte dos concellos será de 10 hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOPPO.

A presidenta provincial tamén explicou que, despois de seleccionar as solicitudes que os concellos presenten, a oferta de emprego vaina xestionar o Servizo Público de Emprego, que "levará a cabo unha preselección das persoas candidatas segunda unha serie de criterios obxectivos". Máis polo miúdo, terase en conta o expediente académico, ata un máximo de 4 puntos; o doutoramento cun contido relacionado coa beca, ata 2 puntos; título de máster universitario oficial ou título propio da universidade relacionado co contido da beca, ata 1 punto; posuír unha titulación académica oficial distinta ou relacionada co posto de traballo a desempeñar, de nivel igual ou superior á esixida, 0,5 puntos por título ata 1 punto; e a asistencia a cursos de especialización, formación e perfeccionamento organizados por centros oficiais dependentes da Administración do Estado, da comunidade autónoma, da Administración local, universidades, colexios oficiais ou escolas da Administración pública, ata 2 puntos. Tras ese proceso, remitirase a selección de persoas candidatas, un máximo de 5 por posto, ao Concello, que levará a cabo outro proceso selectivo para escoller ás persoas beneficiaras destas contratacións".

Silva tamén lembrou que tamén están en curso "O teu primeiro emprego" para empresas e para organizacións sen ánimo de lucro. Neste caso "temos moi boas noticias porque cando pechamos o prazo de recepción, nada máis nin nada menos que 240 empresas e 33 ONGS solicitaron ser incluídas. Neste momento estanse a analizar se compren cos requisitos", salientou a presidenta.