Noticias

A Deputación aproba dúas achegas por preto de 200.000 euros para o Concello do Grove

Con estes investimentos a vila poderá financiar o desdobramento da avenida de Beiramar e unha edificación para o centro social municipal en Reboredo


15 marzo 2019
Plan Concellos 2018-2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, informou da aprobación pola Xunta de Goberno de dous investimentos por un valor de 197.368,44 euros para O Grove con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 105.000 euros para o desdobramento da avenida de Beiramar, e outros 92.368,44 euros para financiar a edificación para o centro social municipal en Reboredo.

Máis polo miúdo, o proxecto de desdobramento da avenida de Beiramar ten por obxecto a reurbanización e ordenación deste tramo viario, resolvendo así os problemas de mobilidade, accesibilidade e das redes de servizos, no tramo comprendido entre a Estación de Autobuses e o cruce coa rúa Castelao. A actuación implica unha serie de obras previas; a mellora e reposición da rede de saneamento, da rede de drenaxe e da rede de abastecemento; a reposición da rede de iluminación pública; a execución de firmes e pavimentos, a mellora das beirarrúas, a execución dun novo carril de circulación e a renovación da sinalización.

Por outra banda tamén se vai realizar unha edificación composta por un semisoto e planta baixa para o seu destino a centro social municipal. Neste caso, as obras comprenden diversas actuacións previas, a instalación da rede de saneamento, a cimentación e estrutura, albanelería e cuberta, revestimentos e falsos teitos, solados e azulexados, carpintería e cerrallaría, instalación de fontanería e sanitarios, instalación eléctrica, calefacción, climatización, illamentos e impermeabilizacións e pintura e decoración.