A Deputación aproba o convenio co Concello de Pontevedra para actividades nos ámbitos da educación, saúde, deporte e promoción económica

A institución provincial sufragará con case 170.000 euros a III Feira da Saúde e Benestar Pontesán, Ponteciencia, a IX Feira da Miniciencia, Gastrolab e un foro internacional de gastronomía

22/04/2022

rolda de prensa

A Deputación e o Concello de Pontevedra volven a sumar sinerxías para o desenvolvemento de actividades nos ámbitos da educación, saúde, deporte e promoción económica a través dun convenio de colaboración que foi aprobado hoxe na Xunta de Goberno provincial. O orzamento ascende aos 222.272 euros que serán sufragados entre a Deputación, con preto de 169.056 euros (76%), e o concello de Pontevedra, que aportará os 53.216 euros restantes (24%). Os fondos servirán para levar a cabo a III Feira da Saúde e Benestar Pontesán, Ponteciencia, a IX Feira da Miniciencia, Gastrolab e un foro internacional de gastronomía.

As actividades comezarán o 20 de maio coa apertura da III Feira da Saúde e Benestar Pontesán, que se celebrará na praza de España ata o día 22 e que este ano se centra na loita contra a depresión, a tristeza e a ansiedade. As persoas que acudan a este encontro poderán desfrutar de conferencias, obradoiros, demostracións, actividades físicas e incluso medicións de valores como o colesterol ou o peso favorecendo así a as boas practicas saudables.

A fin de semana seguinte, nos días 27 e 28 de maio, celebrarse Ponteciencia, un proxecto que aporta ferramentas e actividades que ofrecen unha visión dinámica e atractiva da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Entre elas destaca a Feira da Miniciencia, que este ano chega á súa novena edición coa exposición de proxectos de investigación realizados pola mocidade nas aulas ou cos seus familiares. Ademais, a feira contará con obradoiros e comités científicos. Así, en Ponteciencia participarán 17 centros educativos e 8 familias e presentaranse 44 investigacións.

A Deputación e o Concello de Pontevedra tamén apostan pola gastronomía como foco de promoción da economía local. Fano coa promoción de Gastrolab, un proxecto que conta con diferentes actividades relacionadas co sector como “Capital Gastrolab”, unha aceleradora e incubadora de proxectos gastronómicos. Nesta liña, tamén se levará a cabo un foro internacional de gastronomía que terá un marcado carácter internacional. Nel abordaranse temas como a sostibilidade, as tendencias de consumo ou os novos modelos de negocios en hostalaría e turismo.