Noticias

A Deputación aproba un convenio-contrato coa UVigo para impartir cursos de inglés no programa "DepoIntegra xoven"

O Centro de Linguas da Fundación da Universidade de Vigo impartirá formación en lingua inglesa dentro da formación transversal do programa "DepoIntegra xoven"


28 abril 2018
DepoIntegra Xoven UVigo

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o convenio-contrato coa Fundación Universidade de Vigo para impartir formación en lingua inglesa dentro da formación transversal do programa "DepoIntegra xoven".

Carmela Silva explicou que "a colaboración coa Fundación Universidade de Vigo facilita, dada a complexidade do proxecto, o deseño de cursos a medida, intensivos, extensivos, previos, simultáneos ou posteriores á formación da certificación de profesionalidade". Ademais, a presidenta da Deputación de Pontevedra referiuse ao Centro de Linguas da Fundación da Universidade de Vigo como "un referente na provincia no ensino de linguas e na acreditación de nivel de idioma, estando certificados polas entidades de acreditación máis recoñecidas".

Silva recalcou a importancia desta formación xa que "o coñecemento de idiomas é fundamental e particularmente da lingua inglesa, que dota de máis capacidades para ter unha maior empregabilidade". A formación organizarase en grupos por nivel de idioma. Cada curso divídese en dous módulos formativos e terá unha duración total de 154 horas, das cales 110 son presenciais e o resto son titorías e formación online.

"DepoIntegra xoven" foi creado para realizar actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados, dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade, para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas novas, respondendo ás necesidades locais xeradoras de emprego detectadas nos sectores con maiores oportunidades de crecemento e creación de emprego.

O programa impulsado pola Deputación de Pontevedra, ademais da formación para a obtención de certificados de profesionalidade a través de 27 itinerarios formativos, ofrece unha axuda económica mensual de 200 euros ás persoas participantes para os desprazamentos, formación transversal e complementaria en igualdade, idiomas, tecnoloxías da información e da comunicación e ofimática, así como información relativa á inserción laboral e emprendemento.