Noticias

A Deputación celebra este venres en Pontevedra o Día Mundial do Teatro coa función "Muiñada", de Galeatro, na escalinata do Pazo provincial

A representación terá lugar a partir das 18 horas e as persoas interesadas deben reservar a súa butaca a través do correo participa.cultura@depo.gal


25 marzo 2021

O exterior do Pazo Provincial converterase este venres 26 nun gran patio de butacas ao aire libre para acoller a función "Muiñada", a cargo da compañía Galeatro, coa que a Deputación de Pontevedra quere conmemorar o Día Mundial do Teatro, que se celebra cada 27 de marzo. Deste xeito e baixo o lema "A Depo Inspira Teatro", a institución provincial volve abrir o telón, neste caso na rúa (aínda que a función tamén se poderá seguir por streaming a través da web da Deputación, www.depo.gal), para dar visibilidade a un sector fortemente castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público.

Un enorme telón veneciano en cor vermella enmarcará na fachada do Pazo Provincial para a representación de Galeatro, que se desenvolverá ás 18 horas co estrito protocolo anti Covid da institución nos seus actos culturais. O aforo está limitado a cen persoas no exterior do Pazo e debido a estas restricións, é necesario reservar butaca no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal  (cun máximo catro reservas por persoa). Aínda quedan prazas e as persoas interesadas poderán anotarse ata este mesmo venres ás 14 horas (en caso de mal tempo, as funcións trasladaranse ao salón de plenos, cun aforo de 40 persoas).

"Muiñada" é unha montaxe dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe  unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as crianzas e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia.