A Deputación celebra o Dia mundial sen coches poñendo en valor o seu modelo de mobilidade e de recuperación do espazo público para as persoas

O vicepresidente e deputadas e deputados percorren hoxe actuacións da Deputación en ata 8 concellos de todas as comarcas, exemplos da transformación na provincia

22/09/2022

A Deputación de Pontevedra súmase este xoves, 22 de setembro, á celebración do Día Mundial sen Coches coa posta en valor do seu modelo de mobilidade sostible e segura e de recuperación do espazo público para as persoas, que tense consolidado xa como un referente a nivel nacional e internacional. Deste xeito, o vicepresidente provincial, César Mosquera, e deputadas e deputados provinciais percorreron ata oito actuacións que exemplifican a transformación do territorio ao abeiro deste modelo, desenvolvidas nas distintas comarcas da provincia.

César Mosquera declarou nesta xornada internacional que a Deputación procurou estender a nova “filosofía do espazo urbano” a tódolos municipios e en coordinación ir executando actuacións que fan que hoxe toda provincia sexa unha referencia na recuperación do espazo público e redución do tráfico”, dixo. “Algunhas obras supuxeron unha transformación enorme e outras foron menores, pero todas das suman para lograr unha mellora de calidade de vida, calidade urbana e que a xente teña menos medo aos coches, menos accidentes e máis espazo para gozar”.

O Baixo Miño

A comarca do Baixo Miño, da man da Deputación, transformouse durante os últimos 7 anos cara o modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa. O deputado Carlos Font estivo en Tui, neste Día Mundial sen Coches, visitando as obras de construción da senda peonil entre Cerquido e Ribadelouro, acompañado do concelleiro de Deportes, Rafael Estévez. Esta actuación é unha das 69 executadas con financiamento provincial durante este período na comarca. A Deputación investiu máis de 15,5 millóns de euros en actuacións de mobilidade segura nos concellos de A Guarda, O Rosal, Tomiño e Tui.

Durante a visita deuse conta de que a obra da nova senda peonil de Cerquido a Ribadelouro, que está a acometer o departamento provincial de Infraestruturas estará rematada dentro de tres meses e non só mellorará a mobilidade peonil, senón que creará un novo espazo de centralidade nesta zona do municipio, a carón das dotacións e equipamentos públicos. Diante da envergadura do espazo público recuperado, a obra inclúe a construción dunha variante do actual trazado da EP-2502. Carlos Font subliñou que esta obra que está a acometer a Deputación en Tui é "un exemplo perfecto da magnitude da transformación que está en marcha en toda a provincia, coas políticas de mobilidade e o modelo da Deputación en primeiro plano". Destacou que o mellor xeito de celebrar o Día Mundial Sen Coches é dando conta, diante da cidadanía, de todo "o inxente traballo feito nestes 7 anos" recuperando miles de metros de espazo público para as persoas e acabando co uso case exclusivo que antes había por parte dos vehículos.

Con cargo ao Plan Concellos executáronse 43 obras de mellora da mobilidade peonil cun investimento total nesta comarca de case 6,7 millóns de euros. Entre as actuacións destaca o camiño escolar seguro para o colexio Manuel Rodríguez Sinde, a mellora da mobilidade peonil na rúa Coruña ou da Subida a San Amaro (A Guarda); a renovación da contorna do Calvario (O Rosal), a mellora da accesibilidade da Escola de Loureza (Oia), a mellora da mobilidade peonil e ciclable en República Argentina, a integración do campo da feira no espazo público de Seixo, ou a contorna da praza de Figueiró (Tomiño); a mellora do acceso á praia dos Arrieiros, a mellora das beirarrúas da rúa Colón ou a ruta peonil e ciclista entre Loureiro e Veiga Louro (Tui).

Cos plans extraordinarios de equipamentos convocados nestes 7 anos pola Deputación executáronse un total de 6 actuacións cun valor acumulado de case 3,2 millóns de euros . Con cargo ao Plan DepoRemse executouse a obra de mobilidade amable nas rúas Vigo e Celta (A Guarda); a mellora da mobilidade e da seguranza viaria na praza do Seixo (Tomiño) e a humanización de toda a contorna do núcleo da Torre-Paramos (Tui) tralo suceso da explosión da pirotécnica. Finalmente, con financiamento do plan ReacPon, actualmente en execución, están a acometerse as obras de remodelación da praza do Calvario (O Rosal), a humanziación da praza do Campo de Burgueira (Oia) e a humanización das rúas Antero Rubín e Canónigo Valiño (Tui).

O departamento provincial de Infraestruturas tamén acometeu 9 actuacións relacionadas coa mellora da mobilidade peonil nas estradas provinciais desta comarca por un importe total de máis de 7 millóns de euros . Entre elas a mellora peonil no acceso ao porto da Guarda, o primeiro treito da senda peonil entre Tabagón e Goián (O Rosal); a gran obra da conexión da EP-3102 Tomiño Sabarís coa estrada autonómica PO-334 ao paso polo núcleo do Seixo (Tomiño); a senda peonil do camiño seguro ao colexio Pedro Caselles (tamén en Tomiño) e, para rematar, as obras de mobilidade integral na parroquia de Caldelas, en Ribadelouro e Rebordáns (Tui).

O investimento provincial a prol da mobilidade segura e a recuperación do espazo público para as persoas complétase coas 11 subvencións por un total de case 650.000 euros para a redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS), financiamento de camiños escolares seguros, construción de elementos de calmado de tráfico a través das tres convocatorias do plan Móvese e, finalmente, financiamento para a redacción de proxectos de recuperación de espazo público a través do plan Ágora.

A Paradanta e O Condado

A comarca do Condado-Paradanta, da man da Deputación, transformouse durante os últimos 7 anos cara o modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa. A deputada Victoria Alonso celebrou hoxe o Día Mundial Sen Coches desde o concello de As Neves visitando as obras da rúa de Rosalía de Castro, acompañada do alcalde, Xosé Manuel Rodríguez. As obras desta rúa foron unha das 91 executadas con financiamento provincial durante estes 7 anos. A Deputación investiu un total de 14,2 millóns de euros en actuacións de mobilidade segura nos concellos de A Cañiza, Arbo, As Neves, Covelo, Crecente, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponteareas e Salvaterra.

A obra de Rosalía de Castro, financiada co plan extraordinario de seguridade viaria en vías municipais (DepoRemse), executouse no ano 2020 e serviu para humanizar a trama urbana entre o colexio Marquesa do Pazo da Mercé e a praza de San Agostiño, poñendo todo este espazo público ao servizo das persoas. Permitiu que espazos que antes estaban completamente invadidos polos coches sexan hoxe paradigma de mobilidade á medida das persoas. A deputada Victoria Alonso subliñou que as obras realizadas en As Neves, ao igual que as executadas en tódolos concellos desta comarca son "unha demostración de que para a Deputación os 365 días do ano son o día sen coches". "Resulta abraiante percorrer a provincia e decatarse de todo o que se ten avanzado en tan pouco tempo para construír cidades, pobos e vilas nas que a xente pode camiñar, encontrarse e facer vida en espazos que antes resultaban perigosos porque estaban dedicados, case en exclusividade, aos vehículos".

Co Plan Concellos executáronse preto de 40 obras cun importe total de 3,1 millóns de euros. Entre elas a humanización da praza de Valeixe ou acondicionamento da rúa Silleda (A Cañiza); a mellora do acceso á igrexa de Santa María de Arbo á capela de San Pedro (Arbo); a humanización do centro sociosanitario de As Neves; a humanziación da praza de Barciademera e do centro urbano de Covelo; a humanización da praza Ana Pastor (Crecente); as rúas Ramón y Cajal, Murillo e a senda da Coviña (Mondariz); a mellora do paseo Troncoso (Mondariz-Balneario); o paseo Matuitino, a integración do auditorio Reveriano Soutullo (Ponteareas) ou a humanización da rúa Lagoa ou as beirarrúas na estrada a Fillaboa (Salvaterra).

Cos plans extraordinarios convocados pola Deputación acometéronse 13 grandes actuacións por importe de 4,9 millóns de euros . Con cargo ao Plan de Reequilibrio transformouse o Parque Central de A Cañiza, a accesibilidade da praza de Barciademera e, finalmente, a transformación do espazo entre o colexio, residencia e centro de saúde de Crecente. O Plan DepoRemse (Seguridade en Vías Municipais) fixo posible a humanización da contorna do colexio da Cañiza, a mellora da mobilidade na rúa de Rosalía de Castro en As Neves, a mellora da seguridade das rúas do concello de Covelo, a mobilidade segura no centro urbano de Mondariz, a integración urbana da piscina e centro deportivo Álvaro Pino de Ponteareas e a construción de pasos de peóns sobreelevados na contorna urbana de Salvaterra. En canto ao Plan ReacPon, que actualmente está en execución, está impulsando as obras de humanización da travesía Eira da Liñaza de As Neves, a humanización da praza de Ana Pastor de Crecente, o camiño escolar seguro ao colexio Ramiro Sabell de Ponteareas e humanización da rúa Marqués de Viana de Salvaterra.

O departamento provincial de Infraestruturas fixo ou está a acometer 20 obras en estradas provinciais por importe de máis de 4,9 millóns de euros nestes 7 anos, entre as da ponte das Achas (A Cañiza), as melloras peonís nas EP-5202 e EP-5203 (Arbo), a recuperación peonil na contorna da igrexa de Santa Marta de Ribarteme (As Neves), a senda peonil na EP-5105 Maceira-A Graña (Covel0), a mellora peonil en Queimadelos (Mondariz), as actuacións de mobilidade peonil no acceso á igrexa de Guláns e na estrada Pazos-Ponteareas (Ponteareas) e, finalmente, a senda no treito antigo do colexio de Leirado (Salvaterra).

A aposta polo novo modelo de mobilidade complétase con outras 22 actuacións subvencionadas pola Deputación, con máis de 1,2 millóns de euros, como camiños seguros, redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable destes concellos, financiamento para redacción de novos proxectos de recuperación de espazo público con cargo ao plan Ágora ou a construción de dispositivos de calmado de tráfico con cargo ás tres convocatorias do Plan Móvese..

Deza e Tabeirós-Terra de Montes

As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, da man da Deputación, transformáronse durante os últimos 7 anos cara o modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa. O deputado Santos Héctor estivo hoxe en Vila de Cruces visitando as obras mellora da mobilidade e da seguridade viaria na contorna do CEIP, a gardería e o polideportivo da vila para celebrar o Día Mundial Sen Coches. Esta actuación é unha das máis de 50 executadas con financiamento provincial durante este período. A Deputación investiu un total de 9 millóns de euros en actuacións de mobilidade segura nos concellos de Agolada, Dozón, A Estrada, Forcarei, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

A obra de mellora da mobilidade e da seguridade viaria na contorna do CEIP, a gardería e o polideportivo, financiada co DepoRemse, permitiu a remodelación das vías anexas (Neira Vilas e Costa das Carretillas) para dotalas de plataforma única con preferencia peonil co obxectivo de facilitar a comunicación entre estes espazos e transformalos nun novo espazo de socialización, cohesión e participación social. Tamén se habilitou unha nova área de esparexemento na que se proxectou unha zona infantil con elementos naturais na que as nenas e nenos poden xogar de forma libre e creativa, e unha zona axardinada. Santos Héctor sinalou que "grazas ao DepoRemse financiouse unha gran recuperación creando un espazo novo de socialización e cohesión social, onde prima a participación social das crianzas e das persoas maiores". Esta actuación, asegurou, "é un exemplo da transformación que vén facendo a Deputación en toda a comarca, e supuxo a eliminación das barreiras que impedían que a cidadanía gozase amplamente do espazo público".

Co Plan Concellos executáronse preto de 30 obras cun importe total de 4,2 millóns de euros en Deza e Tabeirós-Terra de Montes . Entre as actuacións, salientan en Agolada a substitución do solado das beirarrúas e a adaptación de xogos infantís en Laxe-Ventosa. En Dozón obtiveron financiamento as obras de acondicionamento da praza do Castro e da contorna do lavadoiro de Cubelos, mentres que na Estrada con fondos provinciais creáronse rutas de sendeirismo e se mellorou a accesibilidade e a seguridade do tránsito peonil grazas aos plans anuais de mellora dos camiños rurais do termo municipal. En Forcarei, a mellora peonil nas rúas da contorna do parque Venezuela e o centro de saúde de Soutelo; en Lalín a rede de sendeiros do Candán, a reforma da praza da Vila de Lalín ou a humanización da rúa Wenceslao Calvo Garra; en Rodeiro, a urbanización da praza de Oseira e envolvente; en Silleda o acondicionamento da rúa e, finalmente, en Vila de Cruces, a mellora do espazo público da Travesía Vázquez 1, e tamén a mellora das beirarrúas e servizos na rúa Amable Durán Bergueiro.

Cos plans extraordinarios convocados pola Deputación acometéronse 6 grandes actuacións por importe de 2,6 millóns de euros . O Plan de Reequilibrio supuxo unha inxección dun millón de euros para Rodeiro e Silleda, que financiaron a mellora do pavillón polideportivo e o ximnasio municipais e o campo de fútbol da Bandeira, respectivamente. No caso do DepoRemse, Silleda obtivo financiamento para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria da contorna do centro de saúde e o centro de maiores, e Vila de Cruces para a actuación integral de mellora da mobilidade e da seguridade viaria na contorna do CEIP, da gardería e do polideportivo. Entre ambas actuacións suman preto de 900.000 euros. No marco do ReacPon, a Deputación achegou 700.000 € á humanización e mellora peonil da rúa Aviador Gumersindo Areán de Rodeiro e á mellora da rúa Vázquez desde o entronque coa rúa Sergio Iglesias Pazos e a Travesía Vázquez 2.

O departamento provincial de Infraestruturas acometeu ou está a acometer 10 obras de mobilidade peonil en estradas provinciais por importe de máis de 1,6 millóns de euros nestes 7 anos, actuacións como a creación dunha senda entre Agolada e Vila de Cruces e dun camiño escolar seguro ás portas do IES Marco do Camballón, a mellora da mobilidade peonil na EP-6005 (Lalín), na EP-6410 (Vila de Cruces), na EP-7013, EP-7317 e EP-7321 (A Estrada) ou na EP-7001 e a EP-7104 (Forcarei). Ademais da senda na fronte urbana de Silleda.

A aposta polo novo modelo de mobilidade complétase coas achegas e subvencións cun importe próximo aos 700.000 euros, entre as que destacan as axudas do plan Ágora para redacción de novos proxectos de recuperación do espazo público, a redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS) ou a construción de dispositivos de calmado de tráfico con cargo ás tres edicións do Plan Móvese, ademais das obras específicas de camiños escolares seguros.

O Morrazo

A comarca do Morrazo avanzou, da man da Deputación, na transformación dos espazos públicos cara ao modelo de mobilidade amable e do século XXI que a Administración provincial impulsa dende hai 7 anos. O vicepresidente, César Mosquera, estivo hoxe en Bueu, visitando a rúa da Pedra, acompañado do alcalde, Félix Juncal, para celebrar o Día Mundial Sen Coches e exemplificar unha das 45 actuacións de fomento da mobilidade integral executadas con financiamento provincial na comarca morracense e que supuxeron, en conxunto, un investimento acumulado de 6.673.000 euros nos concellos de Bueu, Cangas e Moaña.

A obra da rúa da Pedra, rematada en 2020 co financiamento do plan provincial extraordinario DepoRemse (Seguridade en Vías de titularidade municipal) significou unha transformación radical no centro urbano de Bueu, deixando atrás o caos de beirarrúas estreitas e moi altas, e preto de medio cento de coches aparcados permanentemente por un espazo ihumanizado no que as persoas que camiñan son protagonistas.

César Mosquera explicou que o movemento de sacar os coches nas zonas nas que a cidadanía fai vida comezou no ano 1973, foi avanzando ata que no 2000 a Comisión Europea declarou o 22 de setembro Día Sen Coches, e logo púxose a andar a Semana da Mobilidade. "Na Deputación dende 2015 incorporámonos ao movemento, aínda que xa había actuacións previas nalgúns concellos. Procurouse estender a filosofía a outros municipios". Destacou que tódalas obras suman para lograr que a xente teña menos medo aos coches, máis calidade urbana, menos accidentes e máis espazo para gozar. Pola súa banda, o alcalde afirmou que Bueu está entre os concellos que buscan ter espazos amables e agradables e engadiu que a rúa da Pedra é "un dos moitos exemplos da recuperación de espazos públicos grazas á Deputación". "Con esta obra entramos nun novo escenario das políticas que teñen en conta a mobilidade, a accesibilidade, a eficiencia enerxética, é dicir, das esixencias que hoxe hai que observar en tódalas actuacións públicas".

Co Plan Concellos executáronse máis 2,2 millóns de euros cun total de 21 obras que incidiron directamente na recuperación de espazo seguro para camiñar polo espazo urbano, entre elas a reurbanización integral da contorna da piscina pública ou a senda do río Bispo, en Bueu. As obras nas rúas Mestre Tenreiro, Hospital, Lúa, Lirio, Rosalía de Castro e Méndez Núñez, así como as pazas Singulis e Nazaret, en Cangas. En Moaña a transformación da man da Deputación nótase nas rúas Vaticano, Xunqueira, praza do Concello e no novo polígono urbanístico de Sisalde.

Cos plans extraordinarios, O Morrazo puido executar obras de transformación de espazos urbanos por un total de 1.471.108 euros . O plan DepoRemse foi a pedra angular e fixo posible o nacemento do Eixo de Mobilidade Amable e Segura que une os portos de Moaña e Cangas. Ademais, en Bueu, saíu adiante a urbanización da rúa da Pedra, recuperando esta peza urbana. O Plan Ágora, que senta o modelo de mobilidade amable da Deputación, fixo tamén posible a redacción de proxectos que impulsarán novas actuacións urbanas no futuro inmediato.

Dende a área provincial de Infraestruturas executáronse 11 obras de mellora da seguridade viaria cun investimento total de 2.365.381 euros , entre as que destacan as obras en marcha da estrada provincial O Viso-Hío e as da estrada de Abelendo (Moaña-Coiro) que significan a posta a disposición das persoas de infraestruturas integrais de comunicación e dotadas de sendas peonís cun ancho mínimo de 2,50 metros.

Finalmente, a Deputación dedicou 656.302 euros a subvencións e achegas para a construción de elementos de calmado de tráfico a través das tres convocatorias do Plan Móvese e financiou a redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) dos tres concellos, ademais da execución de camiños escolares seguros. Tamén co plan Ágora redactáronse novos proxectos para continuar na recuperación de espazo público para as persoas e reducir o protagonismo dos vehículos en todo O Morrazo.

Cidade de Pontevedra e comarca de Pontevedra

As políticas da Deputación a prol do novo modelo de mobilidade e recuperación do espazo público deixouse sentir tamén na cidade de Pontevedra, onde a Administración provincial investiu máis de 5 millóns de euros a través de convenios co Concello. Entre as actuaicóns realizadas están os novos accesos ao centro Príncipe Felipe, o novo acceso a Monte Porreiro, a mellora de estradas municipais, a ronda Leste e o novo viario para conectar a rúa Rosalía de Castro coa avenida de Marín, en planificación.

Na comarca de Pontevedra, a Deputación investiu nos últimos sete anos case 25 millóns de euros en 130 obras executadas ou en execución para avanzar na transformación do espazo público a través do seu modelo de mobilidade sostible e segura. Delas, máis de medio centenar foron financiadas a través do Plan Concellos, que achegou 6 millóns de euros para actuacións entre as que figuran a urbanización da Travesía República Argentina en Marín ou as humanizacións desenvolvidas da contorna da rúa do Adro e a travesía Porteliña en San Salvador (Poio); na rúa Número 7 de Moraña ou en diversas rúas no concello de Campo Lameiro.

No que se refire aos plans extraordinarios, acometéronse 11 obras por valor de 4,2 millósn de euros. O plan Deporemse, permitiu abordar a mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos no lugar da Chan (Moraña); mellorar a seguridade viaria en distintos lugares de Barro; a actuación integral de mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna da Seara (Poio) ou desenvolver a peonalización da rúa José Antonio, a conexión entre a Casa Consistorial e a barriada da Chanciña en Campo Lameiro. Por outra banda, o Plan ReacPon vai permitir mellorar a área do río Bermaña en Caldas; a reordenación da praza Frei Antonio Orge en Ponte Caldelas ou a humanización da contorna do mercado municipal de Marín.

Desde a área provincial de Infraestruturas abordáronse 26 obras de mellora da seguridade viaria, cun investimento total de 8,2 millóns de euros , entre as que hai que destacar a mellora da seguridade viaria na EP-8402 Cuntis-Cequeril na Rúa da Palma; a mellora da seguridade viaria na EP 8101 Portas-Romai ou a recuperación do espazo e a mellora da mobilidade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro en Barro.

Por outra banda, abordáronse unha trintena de actuacións de calmado de tráfico e de instalación de elementos de redución da velocidade na comarca, financiouse a redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS), construíronse camiños escolares seguros e subvencionouse a redacción de novos proxectos de recuperación de espazos públicos a través do plan Ágora.

O Salnés

A primeira institucional da Deputación neste Día Sen Coches foi en Pontecesures. A obra, acometida co plan provincial de Reequilibrio, permitiu recuperar todo o espazo entre o peirao e o centro da vila. Creáronse zonas exclusivas para peóns/as e ciclistas, e xeráronse espazos de plataforma única e plena accesibilidade. O deputado provincial Manuel González subliñou que a contorna "gaña en beleza" e "agora moito máis sostible, accesible, e amable e se ten gañado este espazo para o desfrute das crianzas, da veciñanza". O deputado estivo acompañado polo alcalde Juan Manuel Vidal, que destacou esta actuación de "integración paisaxística" e agradeceu a sensibilidade da Deputación para abordar este tipo de intervencións "que melloran notablemente a imaxe do concello".

Dende a Illa de Arousa, no barrio das Laxes, espazo público transformado con cargo ao Plan Deporemse, Gregorio Agís puxo en valor "o esforzo incansable da Deputación por converter lugares que antes eran patios traseiros, onde se almacenaban coches, en lugares protagonistas de tódolos pobos e vilas". "Neste caso, o barrio das Laxes gaña o protagonismo que merece, pois, certamente é un lugar precioso nun dos concellos máis fermosos da provincia". Agís estivo acompañado polo concelleiro Luís Arosa, quen agradeceu o apoio da Deputación "porque todo o que aquí se fai sae do esforzo do Concello e desta Deputación".

Na comarca do Salnés , a Deputación ten destinado nos últimos sete anos un investimento total de máis de 20 millóns de euros en 117 actuacións executadas ou en execución para avanzar nesta transformación do espazo público a través do seu modelo de mobilidade sostible e segura. Delas, case medio centenar foron financiadas a través do Plan Concellos, cun investimento total de 7,8 millóns, e con actuacións entre as que hai que citar, por exemplo, as humanizacións da praza de Galicia e a rúa Camilo José Cela en Vilagarcía; a da rúa Unión e transversais en Sanxenxo; a ordenación da avenida de Beiramar no Grove; a urbanización para praza pública na rúa Ponte en Dena (Meaño); as obras de seguridade viaria en Ribadumia; a reparación do paseo no Terrón en Vilanova; a creación da senda peonil e ciclable dende a rúa Dr. De Oya Salgueiro ata O Carballiño en Valga ou a renovación urbana da praza de Fefiñáns en Cambados.

No que se refire aos plans extraordinarios, cun investimento de 4,9 millóns de euros, o Deporemse, amais da obra da Illa da Arousa visitada hoxe, permitiu financiar outros 12 proxectos, entre eles o de calmado de tráfico e mellora da accesibilidade ao Colexio Rosalía de Castro no Grove ; a mellora integral da mobilidade e seguridade viaria na contorna de Fexdega en Vilagarcía ou a actuación en execución de mellora da seguridade na contorna do CEIP de Portonovo en Sanxenxo. Por outra banda, co Plan de Reequilibrio abordouse a reforma e adecuación da praza de España no Mosteiro e co ReacPon que se está a executar abordaranse actuacións como a recuperación da praza do Regueiro na Illa de Arousa; a humanización da rúa Alexandre Bóveda no Grove ou a construción da senda peonil e vía ciclable na contorna da Gándara de Campaña en Valga.

Desde a área provincial de Infraestruturas abordáronse 17 obras de mellora da seguridade viaria, cun investimento total de 5,7 millóns de euros, entre as que hai que destacar a recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na EP9803 (Avenida Castelao) na Illa de Arousa ou a mellora da seguridade viaria na EP9306 Cobas-Padrenda en Meaño. Por outra banda, mobilizáronse 1,7 millóns a través das máis de trinta actuacións de calmado de tráfico co Plan Móvese e coas achegas do Plan Ágora ou o plan Móvese, ademais do financiamento da redacción dos plans de mobilidade urbana sustentable (PMUS).

Vigo

O balanzo a prol da recuperación do espazo público da Deputación comeza coas grandes actuacións realizadas en Vigo para humanizar as estradas EP-2201 (Gran Vía-Avenida de Madrid) e EP2201 (estrada de Porto), a vía ciclista entre Teis e Samil, a humanización das rúas Don Bosco, Hispanidade, Serafín Avendaño e Taboada Leal, así como a mellora viaria nos viais municipais do rural ou na estrada Calvario-La Garrida. Todo elo supuxo un investimento superior aos 11 millóns de euros.

Con cargo ao Plan Concellos, que financia aos concellos de menos de 50.000 habitantes, executáronse 55 obras valoradas en case 11,7 millóns de euros . Entre elas figura a mellora da accesibilidade á praia de Portovilán (Fornelos), as sendas peonís e humanizacións na estrada das Baloutas, avenida de Puxeiros, Torroso, Cela, Tameiga, Louredo, Guizán, estrda Real, e rúa Generoso Domínguez, todas elas en Mos; a humanziación das rúas Aloques e Manuel Rodríguez no Porriño; a senda peonil e ciclista de Moscoso-Xunqueiras (Pazos de Borbén), a humanziación da avenida de Santa Mariña (Redondela); a humanización das rúas Compostela, Tilve e A Coruña e da rúa Joaquín Fernández Sestelo (Salceda) , a humanización da contorna do centro multiusos de Arcade (Soutomaior); a adecuación urbana da rúa Carabela A Pinta e a senda peonil de Baredo (Baiona), a urbanización da contorna do peto de ánimas de Piñeiro ou o novo parque de Curros Enríquez (Gondomar) ou a praza da Carrasca, acondicionamento do paseo marítimo de Panxón ou urbanización da praza de Rosalía de Castro (Nigrán).

Os plans extraordinarios convocados pola Deputación fixeron posible 10 grandes obras que totalizan un investimento de máis de 6,6 millóns de euros . Con cargo ao plan DepoRemse remodelouse a praza da Igrexa e a rúa das Escolas de Fornelos, a seguridade viaria na rúa Doantes de Sangue e contorna de O Porriño; a urbanización do antigo Campo da Feira de Salceda de Caselas; a mellora da seguridade viaria na avenida de Sabarís (Baiona). A través do plan de Reequilibrio facilitouse a urbanización da contorna do ximnasio e nova pista de pádel de Fornelos, a humanziación do paseo Pinzón (Baiona), a praza de Paradela (Gondomar). Finalmente, co plan ReacPon, actualmente en execución, estase a humanziar a rúa Picota, a praza da Fonte do Mouro e contorna da capela de Santa Mariña, en Redondela; a praza de Rosalía de Castro (Gondomar) e a humanización da rúa Otero Pedraio (Nigrán).

O departamento provincial de Infraestruturas investiu preto de 4,1 millóns de euros en 19 actuacións de mobilidade integral para optimizar a seguridade viaria nas estradas provinciais da área de Vigo, ademais das realizadas na propia cidade de Vigo. Así acometeu actuacións como a da estrada de Puxeiros-Peinador (Mos), a optimización da EP-2405 A Costeira (O Porriño); a nova senda peonil entre Os Valos e Guizán (Redondela); a adecuación da EP-2505 ao paso polo núcleo de Salceda de Caselas; a mellora da mobilidade peonil na EP-2908 Arcade-Amoedo (Soutomaior); a adecuación do tramo do Camiño de Santiago na EP-2203 Baredo-Loureza (Baiona); a nova glorieta do encontro das rúas San Bieito e do Emigrante coas estradas provinciais de Peitieiros e Mosende-Morgadáns (Gondomar) ou a senda de Ramallosa a Parada, que está en marcha.

Finalmente, a Deputación asignou máis de 2,3 millóns para 22 actuacións relacionadas coa presencia das persoas que camiñan no espazo público como o financiamento da redacción dos Plans de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) ou da redacción de novos proxectos transformadores do espazo público a través do plan Ágora, os camiños escolares seguros ou a construción de elementos de calmado de tráfico a través do plan Móvese.

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 20 resultados.