Noticias

A Deputación celebrará o 21 de xuño o Día Europeo da Música en Pontevedra e Vigo

As escalinatas do Pazo acollerán o Concerto Punkinfantil con Brais Gutiérrez e Isaac Rodríguez e o exteri0r da sede da rúa Eduardo de Chao acollerá a actuación do grupo The Mirror Music


14 xuño 2021
Día Europeo da Música

No marco da programación "Aviventa Cultura", a Deputación de Pontevedra celebrará o 21 de xuño o Día Europeo da Música cun concerto ao aire libre no exterior da súa sede de Pontevedra. A institución súmase así a esta celebración na que os e as profesionais da música saen anualmente ás rúas a compartir o seu traballo e máis nun momento como o actual, como sinalou a presidenta, Carmela Silva, no que hai que recoñecer o papel da música durante a pandemia: "Estaremos celebrando a música e celebrando que xa podemos comezar a respirar e sentirnos máis libres. Que mellor que facelo con cultura e con música!".

O concerto en Pontevedra está dirixido a todos os públicos, aínda que en especial estará destinado á infancia. A actuación terá lugar, ás 18 horas, na escalinata exterior do Pazo provincial e será o momento de dar cita ao público familiar, ás nenas e nenos, para que gocen do Concerto Punkinfantil que ofrecerán Brais Gutiérrez e Isaac Rodríguez , (cantante punk e cantante infantil), con nove temas orixinais en galego, con temática infantil, pero co punto rebelde do punk. "Será un espectáculo único, musical e tamén de clown, no que o punk estará vencellado coas inquedanzas das cativas e cativos", como explicou Carmela Silva.

O concerto en Vigo está dirixido tamén a todos os públicos, aínda que en especial á mocidade, e comezará, ás 20 horas, no exterior da sede viguesa, coa participación do grupo vigués de soul, funk e rock The Mirror Music (integrado por Alejandro Vasconcellos, Tania Rodríguez, Óscar Román, Rubén Carrera e Gorio Álvarez). 

Debido ás restricións da capacidade, para asistir a ambos concertos haberá que reservar praza previamente no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal.

A presidenta incidiu en que "se sempre é importante a cultura, nestes momentos que estamos saíndo da pandemia e que temos un certo optimismo, ocupa un espazo aínda máis relevante. Debémoslle que durante todas as etapas de confinamento, semiconfinamento, estado de alarma ou de redución de capacidades, estivese presente nas redes. Por iso debémoslle moito á xente da música e queremos celebrala con eles e elas".

Ao longo de toda a xornada, a Deputación utilizará nas súas redes sociais os hashtags #brincacoaDepo #aDepobrincacoamúsica para difundir aínda máis esta conmemoración.