Noticias

A Deputación colabora con XOGA para o Servizo de Intérpretes de Lingua de Signos na provincia

A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou a sede da organización para coñecer de preto os servizos nos que traballa e os programas que desenvolve


07 xullo 2021
Visita a Xoga

A Deputación de Pontevedra volve a colaborar coa Organización de Diversidade Sensorial de Galicia, XOGA, cunha achega de 10.000 euros para a posta en marcha do "Servizo de Intérpretes e Guía-Intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra", unha iniciativa da que estanse a beneficiar en torno a 300 persoas de 44 concellos. A deputada de Cohesión Social, Olga García, visitou hoxe a sede da asociación na Casa Azul de Pontevedra onde coñeceu de preto os servizos e programas que desenvolve, moitos deles en colaboración coa institución provincial.

O "Servizo de Intérpretes e Guía-Intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra" é un programa que a Asociación XOGA oferta ao longo de todo o ano co obxectivo de acadar a accesibilidade das persoas con deficiencia auditiva no contorno social, laboral e de lecer. Trátase dunha axuda técnica para suprimir as barreiras de comunicación e unha ferramenta fundamental para conseguir unha maior integración destas persoas nunha sociedade maioritariamente oínte, axudándoas a superar situacións de desigualdade e desvantaxe fronte ao resto da cidadanía. O servizo está dirixido tanto a persoas con diversidade sensorial como a institucións que precisen de xeito puntual dunha persoa intérprete de lingua de signos para poder manter unhas relacións óptimas tanto a nivel persoal, como social ou xurídico.

Ademais a través deste servizo subvencionado pola Deputación, permítese que a/o intérprete de lingua de signos substitúa o acompañamento sobreprotector da persoa xorda, xordocega ou con perda auditiva por parte de familiares e/ou amigos. Así, elimínase a dependencia afectiva que se produce ao tempo que tamén se consegue que a persoa xorda, xordocega ou con perda auditiva teña unha participación activa, voz propia e tome as súas propias decisións de xeito autónomo e independente.

Estanse a beneficiar do "Servizo de Intérpretes e Guía-Intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra" ao redor de 300 persoas dos concellos de Agolada, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meis, Moaña, Mondariz, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

A Organización de Xordos de Galicia (XOGA) sirve de punto de encontro para as persoas con diversidade/discapacidade sensorial. Xunto ao "Servizo de Intérpretes e Guía-Intérpretes de Lingua de Signos da provincia de Pontevedra" tamén oferta outros programas de asesoramento e orientación, de acompañamento, así como de proximidade, para conseguir a inclusión das persoas con diversidade sensorial.