Noticias

A Deputación de Pontevedra colabora un ano máis con Amencer-Aspace cunha achega de 15.000 euros para o seu proxecto de mellora na atención sanitaria

O programa busca incrementar o benestar tanto das nenas e nenos e mozas e mozos con parálise cerebral e maior nivel de dependencia, como o dos seus familiares directos ou coidadoras e coidadores


20 xullo 2021
Amencer-Aspace

A deputada de Cohesión Social, Olga García, acaba de visitar en Lourizán as instalacións de Amencer-Aspace nas que se desenvolve o proxecto de mellora na atención das necesidades sanitarias, para o que a Deputación de Pontevedra destina este ano 15.000 euros. O proxecto, que conta cun período de actuación anual, está a beneficiar a máis de 70 persoas novas, que reciben atención nos centros de Lourizán, Campolongo e Vilagarcía de Arousa, afectadas por doenzas neuro–motoras diversas, parálise cerebral e patoloxías afíns.

O proxecto de mellora na atención das necesidades sanitarias está pensado para incrementar o benestar tanto das persoas que padecen un maior nivel de dependencia, como o dos seus familiares directos ou persoas coidadoras. Así, entre os seus obxectivos principais destacan a especialización e reforzo do coidado da hixiene postural e a busca do benestar emocional. A metodoloxía do programa está fundamentada na intervención a través de sesións individuais nos ámbitos da fisioterapia e a psicoloxía, para o que conta cun fisioterapeuta, un psicólogo e unha coidadora. Co fin de aumentar a eficacia do programa, os seus profesionais están coordinados co persoal médico e centros de saúde das e dos pacientes.

Entre os resultados que se prevé acadar co proxecto, os máis esperados son a redución do número de crises respiratorias, a mellora do control postural, a redución de dores, o aumento da interacción co entorno e a melloría do estado de ansiedade dos familiares (para o que tamén se contempla a terapia familiar). O seu seguimento e avaliación será rexistrado no Procedemento de Rehabilitación que Amencer–Aspace ten instaurado, no que valora individualmente a cada unha das persoas usuarias e reflicte as melloras que ten acadado.

A Asociación Amencer-Aspace constituíuse na cidade de Pontevedra en 1991 como agrupación de familias de persoas con parálise cerebral de ámbito local. Na actualidade, tras ampliar o seu ámbito actuación, abarca toda a provincia, dando resposta ás necesidades específicas de cada paciente, favorecendo o seu desenvolvemento integral e contribuíndo á mellora das súas capacidades e calidade de vida.