Noticias

A Deputación completa o aforo para a xornada Muller e Poder que este mércores concentrará en Soutomaior a grandes mulleres referentes no Estado

Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila, África González e Carmela Silva falarán sobre o que implica ser muller nos seus ámbitos profesionais


02 abril 2019
Muller e poder

O castelo de Soutomaior será o escenario este mércores da xornada anual da Escola de Igualdade María Vinyals que, este ano, se centrará en Muller e Poder. A partir das 9.30 horas de mañá, e ata as 19.00 horas da tarde, máis de 140 persoas se concentrarán no castelo para escoitar a mulleres da talla de Laura Freixas, Berta Fernández, Altamira Gonzalo, Montserrat Boix, Desirée Vila, África González e Carmela Silva que amosarán, de xeito práctico, todo o que significa e implica ser muller nos seus ámbitos profesionais. Todas elas serán presentadas por xornalistas galegas que desenvolven a súa actividade en medios como o Faro de Vigo, Diario de Pontevedra, Atlántico Diario, Telecinco, Radio Vigo e Radio Voz.

Muller e Poder arrancará ás 9:45 coa apertura oficial. De seguido, ás 10.00 horas terá lugar a primeira conferencia a cargo de Laura Freixas, columnista e escritora e presidenta de honra da asociación "Clásicas e Modernas", co título de  "Poderosas e ¿malvadas?". Freixas será presentada pola xornalista do Diario de Pontevedra Sara Vilas. Ás 11.00 a presidenta da Deputación, que será presentada pola xornalista do Faro de Vigo Irene Bascoy, impartirá a conferencia "Mulleres, espazo público e desempeño do poder" onde afondará na posición das mulleres no ámbito público tanto a nivel local, como estatal e internacional.

Xa a partir das 12.30 Berta Fernández Rosón, consultora legal en materia de Asilo e Refuxio, falará en "Mulleres e guerra: redes invisibles de poder" dos roles que xogan as mulleres nos conflitos e post-conflitos. A presentación de Fernández Rosón correrá a cargo de Ana Fuentes, xornalista do Atlántico Diario. As conferencias da mañá pecharanse ás 13.30 con "A igualdade desde a perspectiva xurídica" a cargo da avogada especializada en Dereito de Familia e Comunitario Altamira Gonzalo. A avogada será presentada por Patricia Martínez, xornalista de Informativos Telecinco.

Xa pola tarde, ás 16 horas, Montserrat Boix, á que dará paso a xornalista do Diario de Pontevedra María Varela, centrarase no "Poder e comunicación. A axenda pendente". Boix, xornalista en TVE e creadora de "Mujeres en red" falará sobre poder e comunicación e incidirá na pouca presenza feminina na dirección dos medios. A continuación, a partir das 17.00 horas a deportista Desirée Vila, presentada pola xornalista de Radio Vigo Paula Montes,  falará da "Muller deportista, muller loitadora", centrándose na súa experiencia persoal como muller deportista de elite e con diversidade funcional e nas desigualdades existentes. A xornada pecharase con África González, á que presentará a xornalista de Radio Voz Bibiana Villaverde, que impartirá ás 18.00 horas a conferencia "Perseguindo unha meta". González, médica, catedrática na Universidade de Vigo, directora do Centro de Investigacións Biomédicas e presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía, presentará a súa propia experiencia como profesional no ámbito científico.

A través da xornada Muller e Poder a Deputación de Pontevedra pretende construír un espazo no que compartir experiencias e coñecementos referidos ao exercicio da responsabilidade e toma de decisións, así como a facilitar a posta en común de boas prácticas e modelos na xestión de persoas e equipos, na xestión do poder e na propia autoxestión persoal dende a perspectiva de xénero. Deste xeito esta iniciativa ten por obxectivos presentar novos estilos de liderado e as experiencias de mulleres en diferentes eidos, facendo fincapé nos obstáculos que dificultan o acceso a espazos de decisión e postos de responsabilidade.